O Sisto (Dozón): A terra antes que o altar
- ecosdacomarca

- 22 feb
- 2 min de lectura
Artigo de opinión de Mario Vila, veciño de Dozón, no que denuncia "unha situación que atenta contra a nosa identidade cultural, histórica e legal" en referencia ao topónimo da súa parroquia
Mario Vila/Dozón
Mario Vila envía este artigo de opinión titulado O Sisto (Dozón): A terra antes que o altar. A través deste artigo, este veciño de Dozón, denuncia publicamente "unha situación que atenta contra a nosa identidade cultural, histórica e legal" porque lamenta que "actualmente, as plataformas oficiais da Diócese de Lugo están a usar o termo "Sixto" para referirse á nosa parroquia. Isto non é un simple erro ortográfico, senón unha vulneración da lei e un borrado da nosa historia".

Os puntos clave, apunta, desta denuncia son:
"Vulneración da legalidade: O uso de "Sixto" incumpra a Lei 3/1983 de Normalización Lingüística e o Decreto 6/2000 do Nomenclátor da Xunta de Galicia, que establecen que a única forma oficial e válida é O Sisto.
Esixencia de rectificación: Pedimos á administración eclesiástica que actualice as súas fichas e respecte a toponimia oficial e o patrimonio inmaterial do noso pobo".
Publicidade
O SISTO (DOZÓN): A TERRA ANTES QUE O ALTAR
"Na toponimia galega, os nomes son fósiles que falan de quen fomos. Porén, algúns sofren deturpacións que borran a súa esencia. O caso do Sisto, en Dozón, é paradigmático: unha "X" intrusa (Sixto) teimou en converter un asentamento milenario nunha referencia eclesiástica inexistente.
Publicidade
A ciencia onomástica desmonta o mito: o nome non procede do papa Sixto II nin do mineral xisto. A proba definitiva reside na propia historia da parroquia. Antes de ser San Xoán do Sisto, o templo estivo consagrado a San Vicenzo. Que o topónimo permanecese inmóbil mentres os patróns mudaban demostra que "O Sisto" xa estaba alí antes que a organización parroquial. É o nome da terra, non do santo.
A súa raíz real é o latín sistere (deterse, asentarse). O Sisto fálanos dun lugar onde os camiñantes decidiron botar raíces. Malia que o Nomenclátor Oficial recoñece a forma con "S", a Diocese e certas administracións persisten no erro do "X", unha castelanización que ignora a etimoloxía e a loita veciñal.
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Exiximos á Igrexa que unifique criterios coa legalidade e o rigor histórico. Manter "Sixto" é rezarlle a un erro ortográfico e dar as costas á memoria dun pobo que, moito antes de ter patrón, xa tiña nome. Respectar a grafía do Sisto é, en definitiva, respectar a propia historia de Dozón".
Mario Vila, veciño de O Sisto.








Comentarios