O Sindicato Labrego Galego rexeita a introdución de novas razas dentro da IXP Tenreira Galega
- ecosdacomarca

- hace 1 hora
- 5 min de lectura
O SLG iniciará nos vindeiros días unha campaña para que o sector coñeza a realidade que está atravesando e o que significaría para as granxas tradicionais a inclusión de razas foráneas
Ecos da Comarca/Xeral
Nos últimos días o Sector do Vacún da Carne do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) vén de debater a proposta chegada por parte da industria e da distribución que forma parte da IXP Tenreira Galega de abrir un diálogo que levara á posibilidade de introducir novas razas dentro da IXP Tenreira Galega, como o azul belga.
De xeito unánime, analizados os pros e contras desta medida, o sector, tal e como indica o SLG, oponse á inclusión de novas razas dentro da IXP, en especial o que ten que ver coa introdución de razas como o azul belga, que nada teñen que ver co noso territorio, dentro da categoría Tenreira Normal. O SLG iniciará nos vindeiros días unha campaña para que o sector coñeza a realidade que está atravesando e o que significaría para as granxas tradicionais a inclusión de razas foráneas.

Un fondo malestar no sector produtor
A proposta, chegada dende a industria e a distribución, xerou un fondo malestar dentro das produtoras de vacún de carne do Sindicato Labrego Galego, máis aínda nun contexto onde os prezos que están a percibir pola Tenreira Galega Suprema non deixa de baixar. “Un dos aspectos que máis malestar xerou e ter que escoitar por parte da industria e distribución que é necesario incluír novas razas para a Tenreira Normal porque faltan animais, e ao mesmo tempo estanse xustificando as baixadas nos nosos animais da Tenreira Galega Suprema porque sobran animais...que é o que pasa? Semella que se están a rir de nós...non somos parvas!”, o secretario de Acción Sindical do SLG, Brais Álvarez.
As baixas do prezo
E que esta é a realidade, tal e como explica, das últimas semanas: a Tenreira Galega Suprema leva semanas seguindo a tónica do resto de mercados do Estado español e está a experimentar baixadas continuas de prezo, e a xustificación que dende industria e distribución se fai para estas baixadas é que sobran animais e que non se dá vendido o produto. "Dende o SLG entendemos que a situación no mercado mudou por varias razóns, a principal o peche de granxas, pero o que non pode ser é que se nos diga que temos que apertarnos o cinto porque sobra carne e, ao mesmo tempo, que queiran incluír máis carne dentro da marca. O que vemos claro dende a nosa organización é que para a industria e a distribución non interesa a Tenreira Galega Suprema".
PUBLICIDADE
Non ao azul belga dentro da IXP!
Dende hai un tempo, a industria e a distribución levan insistindo na idea de incluír novas razas dentro da IXP Tenreira Galega, en especial o azul belga na categoría Tenreira Galega Normal. "Nas últimas semanas contactaron con nós para tentar abrir unha vía de negociación. Saben que o cambio que formulan, que é un dos cambios considerados da Unión e, polo tanto, é Europa quen o autoriza e é moi difícil que o aproben se a produción tradicional nos opoñemos ou a proposta leva algún voto en contra. Nese senso, dende o SLG advertimos que non temos ningún problema en reunirnos e debater, de feito, nas últimas semanas mantivemos dúas reunións a instancias de UUAA, para ver se era posíbel chegarmos a acordos as tres organizacións que temos representación na produción tradicional (UUAA, Gandeiros de Suprema e Sindicato Labrego Galego) sobre que contraprestacións pedir para abrir unha vía de negociación sobre esta proposta".
"O que mostran os feitos: quen lle sobra á industria somos nós"
Con todo, apunta, "mentres no seo do Sindicato Labrego Galego se estaba a dar un debate sobre a proposta para valorarmos se se podían obter medidas positivas para a produción tradicional, alertamos que as artimañas de baixada dos prezos da industria e distribución coa escusa de que sobra carne é un claro indicio e unha mensaxe por parte da industria que quen lle sobra á industria e distribución e a Tenreira Galega de Suprema".
Por iso, dende a organización, explican que "logo de debatelo, temos claro que non existe posibilidade ningunha de chegar a uns acordos reais cunha industria e distribución que, unha vez máis, demostra que o que quere é afundir as granxas tradicionais de Suprema, garantindo carne para os seus cebadoiros e poñer na publicidade a imaxe da nosa vaca e o tenreiro no prado. E isto é algo que levan moito tempo demostrando, como cando aprobaron a obriga de facer o acortellamento na cuadra".
Por iso, 2dende o SLG temos claro que incluír novas razas como o azul belga dentro da IXP Tenreira Galega dentro da categoría Normal sería entregarmos o control total da IXP á industria e á distribución e moitas granxas de Suprema sobrariamos no territorio". “Querer negociar con quen nos ten no punto de mira porque lle sobramos non é unha boa opción nunca, as negociacións hai que dalas dende o respecto mutuo por ambas partes e a industria e a distribución estas últimas semanas baixando o prezo da Tenreira Galega Suprema o que está demostrando é que nos quere utilizar para os seus fins pero que as nosas granxas sóbranlles”, recoñece o vogal do Sindicato Labrego Galego na IXP, o gandeiro Samuel Formoso. “Se alguén quere negociar que o faga, o SLG non vai ser quen venda a Tenreira Galega Suprema e, de xeito rotundo, dicimos non á inclusión do azul belga. Ademais reafirmámonos en que os obxectivos das IXP DO non é industrializar as producións, senón preservar un modo de produción e unha vinculación a un territorio. Nós o azul belga e máis cebado nun cebadoiro non lle vemos nin vinculación o territorio nin moito menos o xeito de cebo tradicional que nós temos nas nosas granxas de Suprema”, insiste.
PUBLICIDADE
Convocatoria do Consello Agrario e Mesa da Carne
A situación de baixada de prezos no sector é outra das cousas que máis preocupan ás produtoras e produtores de carne. Dende o SLG levan meses pedindo que se aproveitaran estes últimos meses para establecer mecanismos reais na cadea que permitiran que ante os bailes da oferta e da demanda ninguén vendera a perdas. "Estas últimas semanas as baixadas continuadas parece que volven levar o sector cara a un futuro incerto e é por iso que dende o SLG solicitamos á Consellería do Medio Rural a convocatoria inmediata da Mesa da Carne co fin de acordar dunha vez por todas unhas canles para establecer uns custos de produción e desenvolver a Lei da Cadea Alimentaria no noso país".
Así mesmo, ante a cantidade de temas que hai sobre a mesa, o sindicato insta á Consellería do Medio Rural a que convoque o Consello Agrario de xeito inmediato. "Nese senso, sinalamos que, unha vez máis, a Consellería incumpre a súa propia Lei e xa van fóra de prazo, dando a entender que non quere dar contas diante do sector. No SLG advertimos que é importante esta convocatoria ante a inestabilidade vivida nos últimos meses, que compromete a viabilidade do sector en Galiza. Inestabilidade que comezou coa baixada do prezo do leite en abril, a baixada continuada da carne nas últimas semanas, a negociación da PAC en Bruxelas".








Comentarios