top of page

O Sindicato Labrego Galego esixe a paralización inmediata do tratado de libre comercio UE-Mercosur

hace 7 horas
4 min de lectura

Para o SLG, a prohibición temporal das importacións de carne de vacún, aves de curral e mel procedentes de Brasil reforza os argumentos en contra do tratado e demostra que as cláusulas de salvagarda non cumpren a súa función


Ecos da Comarca/Xeral

Coincidindo co Día Internacional de Acción contra a OMC e os Tratados Internacionais, que se celebra todos os anos o 10 de setembro, o SLG volve solicitar a paralización inmediata do tratado de libre comercio UE-MERCOSUR, especialmente nunha semana na que entra en vigor a prohibición temporal das importacións de carne de vacún, aves de curral e mel procedentes de Brasil. O SLG lembra, ademais, que aínda está pendente o pronunciamento do Tribunal de Xustiza da Unión Europea sobre a validez ou non do acordo.


Para o SLG, esta suspensión demostra que as denuncias e a oposición manifestadas pola organización eran certas e necesarias, e que o mercado europeo e, polo tanto, as consumidoras europeas, están expostos a importacións que non garanten o cumprimento da normativa hixiénico-sanitaria comunitaria debido a fallos na trazabilidade.

Desde o SLG esixen que estas medidas de bloqueo e inspección non se limiten unicamente a Brasil, senón que se estendan a todo o continxente e a todos os países que forman parte do acordo do MERCOSUR. Así mesmo, solicitan á Comisión Europea que paralice de forma inmediata o acordo de libre comercio, tendo en conta que actualmente se atopa nunha fase de aplicación provisional, á espera de que se pronuncie a xustiza europea.


A ollos do SLG, esta situación demostra que as cláusulas de salvagarda prometidas non serven nin para protexer o produtor europeo fronte ás importacións masivas dos tres países nin para protexer o consumidor final do produto. A organización lembra que, ante o desplome dos prezos en sectores como o vacún de carne e o mel nos últimos meses, xa no mes de xullo solicitara a aplicación das cláusulas de salvagarda, sen obter resposta ningunha, o que demostra a ineficacia destas medidas. "Os resultados da auditoría da Comisión Europea confirman que, neste caso, a competencia desleal da carne brasileira non se basea só no dumping comercial, senón tamén nun grave dumping normativo".


Rexeitamento frontal

Aproveitando a celebración, o 10 de setembro, do Día Internacional de Acción contra a OMC e os Tratados Internacionais, desde o SLG reiteran a súa posición de rexeitamento á inclusión da alimentación nos tratados de libre comercio e, en xeral, o seu rexeitamento a tratados de libre comercio sen unhas regras claras e cunha absoluta transparencia.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Lembran que o actual tratado de libre comercio UE-MERCOSUR foi aplicado de forma transitoria, utilizando un baleiro legal e sen escoitar a opinión da cidadanía e dos seus representantes no Parlamento Europeo. O período transitorio establecido constata como este foi utilizado de forma abusiva polos grandes operadores e importadores, que aceleraron a entrada de carne nos mercados europeos, facendo caer os prezos en destino sen que, por iso, o consumidor vise reducirse o prezo final.


Esta situación, a ollos do SLG, demostra o nocivos que son para a sociedade en xeral os tratados de libre comercio, e esixen unha vez máis a paralización deste tipo de acordos. Así mesmo, lembran o prexudiciais que son estes tratados para as producións locais e as pequenas explotacións, tanto nos países de orixe como nos de destino.


Hoxe, 10 de setembro, terá lugar o Día Internacional de Acción contra a OMC e os Tratados Internacionais, unha xornada instaurada pola Vía Campesina xunto con outros colectivos co fin de denunciar os impactos negativos que teñen as políticas da OMC e os tratados de libre comercio sobre as comunidades rurais, a soberanía alimentaria, as labregas e as persoas traballadoras.


A data rende homenaxe ao líder campesiño surcoreano Lee Kyung Hae, quen, o 10 de setembro de 2003, en Cancún, durante a celebración da V Conferencia Ministerial da OMC, se sacrificou publicamente portando un cartel no que se podía ler «A OMC mata as labregas», converténdose nun símbolo da resistencia labrega contra as políticas neoliberais que desprotexen os mercados internos e destrúen as economías campesiñas locais.


Desde o SLG lembran como, desde hai máis de 30 anos, o movemento campesiño a nivel mundial, a través da Vía Campesina —da que forma parte o propio SLG—, leva opoñéndose ás políticas de desregulación e mercantilización dos alimentos, e como estas son unha das principais causas de que millóns de labregas de todo o mundo se vexan abocadas á ruína e de que aumente a poboación en situación de pobreza.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.

A organización reitera que a resistencia que se pode exercer desde a produción primaria para opoñerse á mercantilización dos alimentos e das nosas vidas é fundamental para o conxunto da sociedade.


Por último, lembran que a Vía Campesina propón un marco internacional para o comercio agrícola baseado na soberanía alimentaria, dentro da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, da UNDROP e da OIT, amparado pola ONU —e non pola OMC nin polos TLC— e que priorice a dignidade humana, a xustiza social, a sustentabilidade ambiental, a cooperación e a gobernanza democrática dos sistemas agroalimentarios a todos os niveis.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page