O Sindicato Labrego Galego celebra o acordo do Parlamento Europeo sobre Mercosur
- ecosdacomarca

- hace 30 minutos
- 3 Min. de lectura
"Entendemos isto como unha vitoria parcial e agardamos a que a Comisión Europea deteña a parte comercial do acordo. No caso contrario, continuaremos mobilizándonos"
Ecos da Comarca/Xeral
Este mércores, 21 de xaneiro, en Estrasburgo, o Parlamento Europeo paralizou o acordo UE-Mercosur e procedeu ao seu envío á xustiza europea, solicitando un ditame ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea sobre a compatibilidade do Acordo de Asociación UE-Mercosur (EMPA) e o Acordo Comercial Provisional (iTA) con Tratados da UE. "Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), valoramos de maneira positiva esta decisión, e seguiremos traballando até que se deteña por completo este tratado de libre comercio asinado o pasado sábado 17 de xaneiro en Paraguai".

“Esta paralización demostra o que viñamos denunciando na nosa organización dende o inicio, o antidemocrático deste acordo”, sinala María Ferreiro, gandeira e Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego.
O sindicato recalca que a decisión do Parlamento Europeo corrobora que as "mobilizacións e protestas da sociedade, das organizacións e das labregas e dos labregos, son unha ferramenta fundamental para frearlle os pés ao UE-Mercosur, un acordo onde non ten cabida a pequena agricultura sostíbel e xusta". E insisten en que "no SLG non imos permitir que tratados como este rematen de asfixiar ás nosas granxas, nin que os recortes na PAC condenen ao abandono ao medio rural galego. Por iso, entendemos esta vitoria de maneira parcial e estamos agardamos a que a Comisión Europea deteña a parte comercial do acordo e, polo tanto, nese senso, amosamos a nosa preocupación e seguiremos loitando e mobilizándonos até que se paraliza totalmente".
Publicidade/DOAZÓN PARA ECOS DA COMARCA

Xuntanza coa Comisión Europe
Hoxe, 23 de xaneiro, ás 13:00 horas, o Secretario de Acción Sindical do Sindicato Labrego Galego, Brais Álvarez López, mozo apicultor, reunirase en Bruxelas, canda unha delegación da Coordinadora Europea Via Campesina (ECVC) -da que o Sindicato Labrego fai parte-, co comisario de agricultura e alimentación da Comisión Europea, Christophe Hansen, para falar precisamente deste acordo UE-Mercosur e da Política Agraria Común (PAC). Acompañarán ao Secretario de Acción Sindical do SLG dúas persoas labregas da Confédération Paysanne de Francia e de FUGEA de Bélxica co fin de trasladar a postura das máis de 30 organizacións que forman parte de ECVC VIA CAMPESINA en Europa sobre o MERCOSUR e a futura PAC 2028-2034. A mesma delegación reunirase ao longo desa mañá con distintos grupos parlamentarios do Europarlamento tamén para mostrar o seu rexeitamento ao acordo.
Publicidade
“Seguiremos a mobilizarnos e a esixir en todos os ámbitos para conseguir que este tratado non se firme, polo menos mentres non teñamos a seguridade plena de que se elimina a alimentación do mesmo. A alimentación e a saúde das persoas non é un negocio nin se xoga con el; é un ben de todas e todos e sobre a que temos dereito a decidir”, explica Álvarez.
Publicidade
NON ao acordo UE-Mercosur
Dende comezos de 2026 o Sindicato Labrego Galego acordou diversas reunións coas distintas administracións para esixir o NON ao acordo. "Así, xuntámonos co pasado venres 16 coa Consellería do Medio Rural na convocatoria do Consello Agrario Galego; e o 19 de xaneiro recibiunos o delegado do goberno en Galiza, Pedro Blanco Lobeiras, esixíndolle á Xunta de Galicia, ao Estado e ás institucións europeas que escoiten a voz do sector agrario e que actúen en consecuencia. En relación a iso, seguiremos traballando xunto a máis de 30 organizacións labregas da Coordinadora Europea Via Campesina (ECVC), mantendo interlocución coas administracións e mobilizándonos nas rúas en datas próximas".








Comentarios