O Sindicato Labrego Galego alegará contra a macrogranxa de 365.500 galiñas de Agolada
Considera que "ameazará a soberanía alimentaria e os pequenos proxectos das labregas e dos labregos do noso territorio e que afectaría máis ao encoro de Portodemouros"
Ecos da Comarca/Agolada
O Sindicato Labrego Galego ve con preocupación o avance da macrogranxa que Proteínas y Cereales de Galicia, S.L. pretende instalar en Leira Nova, no concello de Agolada, e presentará alegacións, cuxo prazo estará aberto ata o vindeiro 10 de novembro e anima a todas as persoas a alegar.

"Onte (polo luns), unha semana despois de que a Xunta de Galicia difundise no Portal de Transparencia unha actualización do proxecto de decreto polo que se determinan as actuacións dirixidas a reducir a contaminación producida por nitratos procedentes de fontes agrarias en Galiza, fixo público no Diario Oficinal de Galicia (DOG) o ANUNCIO do 1 de setembro de 2026, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, polo que se somete a información pública o estudo de impacto ambiental e a solicitude de autorización ambiental integrada para a explotación avícola de galiñas poñedoras situada en Leira Nova, concello de Agolada-Pontevedra (expediente 2026-IPPC-I-32)", explica o SLG e indica que "cómpre resaltar que o encoro de Portodemouros -que alberga tamén ao concello de Agolada-, está totalmente eutrofizado pola contaminación -no caso da instalación desta macrogranxa a situación podería empeorar".
De feito, puntualiza que no anterior Decreto de Zonas Vulnerábeis por Nitratos da Xunta de Galicia, propoñíanse que concellos desta zona -como Melide ou Santiso- fosen declarados zonas vulnerábeis. "Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) opoñémonos á instalación deste proxecto no nosa terra. Denunciamos que este tipo de proxectos acabarían prexudicando ás pequenas granxas por todas as implicacións que poderían ocasionar a posteriori, no tocante a ter que cumprir novas obrigas que cheguen e no tocante ao peche de pequenas granxas".
PUBLICIDADE
365.496 galiñas poñedoras en avariarios
Trátase, explica, dunha macrogranxa avícola de 365.496 galiñas poñedoras en avariarios, aloxadas en catro naves. "Todas estabas galiñas equivalen, en carga gandeira, a unha granxa de 1.800 vacas adultas, o que por lei, a día de hoxe, non está permitido".
"O proxecto, presentado por Proteínas y Cereales de Galicia, S.L., vén a ameazar a soberanía alimentaria e os pequenos proxectos das labregas e dos labregos do noso territorio, nun momento, ademais, de aumento dos custos de produción e de crise do sector agrario, tal e como denunciabamos onte (polo luns) nun comunicado, onde pediamos a actuación inmediata da Xunta e a convocatoria do Consello Agrario. Estamos ante unha macrogranxa que, ademais, tal e como anuncia a Xunta no DOG, “inclúen un centro de clasificación e envasado de ovos, unha nave de usos varios, unha edificación fotovoltaica e unha esterqueira con fosa de lixiviados”".
Proxectos intensivos mentres pechan pequenos proxectos
E apunta o sindicato que "a categoría principal desta macrogranxa estará dedicada -citamos- a “instalacións gandeiras dedicadas á cría e ceba, en explotacións intensivas, de todo tipo de aves, tanto para a produción de carne coma para a produción de ovos ou para a reprodución”. Este anuncio chega nun contexto, como dixemos, de extrema inquietude entre as labregas e os labregos e no sector agrario en xeral, onde día a día vemos como outra granxa galega pecha as súas portas, outra moza ou outro mozo queda sen axuda para a súa incorporación ou plan de mellora -ou vese obrigada a renuncia a el por todo a carga burocrática e requisitos que non sabe como xestionar, ou segue agardando por unha resolución dende o 2025-, as aldeas fican abandonadas e sen pequenos proxectos que vertebren o territorio -e con iso os lumes, a perda da paisaxe e dun pobo-".
PUBLICIDADE
Os pequenos proxectos labregos, no centro
Por todo isto, o Sindicato Labrego Galego ve con preocupación o avance da macrogranxa que Proteínas y Cereales de Galicia, S.L. pretende instalar en Leira Nova, no concello de Agolada, e presentará alegacións, cuxo prazo pecha o vindeiro 10 de novembro. "Animamos a todas as persoas a alegar contra este proxecto e que o goberno galego entenda que o que precisa Galiza é poñer ás pequenas granxas labregas no centro".
NOTICIA RELACIONADA:
A Xunta tramita o proxecto dunha granxa de 365.500 galiñas poñedoras en Agolada: https://www.ecosdacomarca.com/post/a-xunta-tramita-o-proxecto-dunha-granxa-de-365-500-gali%C3%B1as-po%C3%B1edoras-en-agolada









Comentarios