O Rali do Cocido de Lalín marca o inicio de tempada para o palense Luis Vilariño
- ecosdacomarca

- hace 19 minutos
- 2 Min. de lectura
Chega á cita de Lalín coa máxima motivación e o obxectivo de ser un dos grandes protagonistas do certame autonómico aos mandos do seu Skoda Fabia R5 Evo
Ecos da Comarca/Palas/Lalín
Luis Vilariño inicia de forma oficial a súa tempada no Campionato Galego de Ralis esta fin de semana coa disputa do 30ª Rali do Cocido. O piloto de Palas de Rei chega á cita de Lalín coa máxima motivación e o obxectivo de ser un dos grandes protagonistas do certame autonómico aos mandos do seu Skoda Fabia R5 Evo.

Tras os meses de parón invernal, o equipo afronta esta primeira cita puntuable coa mirada posta nos postos de cabeza. O Skoda Fabia R5 Evo será a montura coa que Vilariño buscará pelexar polos caixóns do podio nun rali que sempre destaca pola súa dureza técnica e a variabilidade dos seus tramos, factores que esixen a máxima precisión desde o primeiro quilómetro.
Publicidade
Este arranque en Lalín marca o inicio dun bloque estratéxico de tres carreiras consecutivas. Durante este primeiro tramo do campionato, o equipo traballará non só na obtención de resultados deportivos de primeiro nivel, senón tamén na consolidación do orzamento necesario para dar continuidade ao proxecto durante o resto do calendario galego.
PUBLICIDADE
Luis Vilariño: "Afrontamos o Rali do Cocido con moitísima ilusión e coa responsabilidade de facer un bo papel no inicio do campionato. O Skoda Fabia R5 Evo é unha montura excelente e o noso obxectivo en Lalín é rodar nos tempos de cabeza desde o inicio. Somos conscientes de que estamos a traballar en pechar o orzamento para completar toda a tempada, polo que estas tres primeiras citas serán clave para demostrar o noso potencial e asegurar os apoios necesarios para o resto do ano".








Comentarios