O PSOE reclámalle á Xunta que inclúa ao colexio do Pino no plan de nova arquitectura pedagóxica
Ecos da Comarca/O Pino
A parlamentaria socialista Noa Díaz, tras a petición do PSOE do Pino, vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que inicie as obras de mellora "imprescindibles" para o CPI Camiño de Santiago, no concello de O Pino. Díaz lembra que o inmoble, construído nos anos 70, aínda non recibiu ata o día de hoxe ningunha actuación de calado.

Díaz anunciou emendas aos Orzamentos da Xunta para 2023 para garantir a actuación no CPI incluíndo o centro no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, que conta cun orzamento de 191 millóns de euros para a ampliación, mellora e eficiencia enerxética dos centros educativos.
"Precisamente as actuacións que precisa o centro, que require dunha actuación urxente de mellora e tamén de eficiencia enerxética", sinalan os socialistas. A parlamentaria socialista lembra que o acordo entre a Xunta e a Fegamp determina que, mentres os concellos se encargan do mantemento, conservación e reparación, a Consellería de Educación debe de facerse cargo das obras de maior calado, como as precisas para este centro. Estas teñen que ver, explica, coa carpintería exterior, a cuberta, a instalación eléctrica e de calefacción ou os baños.








Comentarios