O PSOE e o BNG de Lalín critican o plan financeiro bianual para 2026-2027 que anunciou o goberno local
- ecosdacomarca

- hace 52 minutos
- 4 Min. de lectura
Alba Forno: "O que significa é que hai que apretar o cinto e iso mentres a veciñanza paga máis impostos ca nunca”
Mari Fernández: "De novo será a veciñanza quen pague a mala xestión do goberno do PP"
Ecos da Comarca/Lalín
O PSOE o BNG de Lalín critican o plan financeiro bianual para 2026-2027 que deu a coñecer este martes o goberno local. A socialista Alba Forno alerta de que Lalín entra nunha dinámica económica “insostible” que evidencia "o esgotamento e fracaso do modelo de Crespo" e engade que “o que significa o Plan Económico é que hai que apretar o cinto e iso mentres a veciñanza paga máis impostos ca nunca". Mentres, a nacionalista Mari Fernández achaca ao “despilfarro” o plan financeiro bianual que o goberno local propón logo de rachar coa regra de gasto e critica que “de novo” será a veciñanza quen pague “a mala xestión” do goberno do PP.
En concreto, a voceira municipal socialista de Lalín, Alba Forno, alertou onte de que a entrada do Concello nun Plan Económico Financeiro confirma que Lalín "está a entrar nunha dinámica económica “insostible”, marcada por máis impostos, máis débeda e menos resultados para a veciñanza". A voceira sinala que este escenario evidencia "o esgotamento do modelo de xestión de José Crespo, baseado en aumentar a presión fiscal e o gasto en proxectos innecesarios e en salarios, sen unha planificación clara nin melloras reais nos servizos públicos, o que está a lastrar o presente e o futuro do concello".
Forno sinala que este escenario confirma o que levan meses advertindo os socialistas, “que o modelo económico do goberno do PP non é sostible e está levando ao concello a unha situación de crecente inestabilidade”.
Advirte de que, máis alá das explicacións ofrecidas pola concelleira de Facenda, Paz Pérez, “que tratou de poñer a venda antes que a ferida ante o desastre económico que supón a liquidación, este plan implica na práctica un maior control do gasto e a necesidade de axustes importantes”. “Por moito que se lle intente restar importancia o que significa este plan é que hai que apretar o cinto e iso mentres se lle pide á veciñanza que pague máis impostos”, explicou.

Forno lembra que o Concello alcanza "os 11 millóns de euros de débeda, moi por enriba das cidades galegas e superando a todos os concellos de categoría similar, o que supón arredor de 550 euros por veciño e veciña, mentres se pagan máis IBI e máis plusvalías".
Neste sentido, insiste en que o Plan Económico Financeiro deixa "ao descuberto o fracaso do modelo económico do PP en Lalín". “Cando subes impostos, aumentas a débeda e aínda así tes que entrar nun plan de control do gasto, o que falla non son os ingresos, é a forma de xestionar”, explica.
A voceira critica que se prioricen gastos e operacións que non responden ás necesidades reais da veciñanza. “Estamos vendo como se destinan recursos a operacións inmobiliarias e a proxectos que non son prioritarios, mentres non se reforzan os servizos básicos nin se atende ao día a día das familias”, sinala.
PUBLICIDADE
Pola súa banda, o BNG de Lalín cualifica como “a crónica dunha morte anunciada” o plan financeiro bianual para 2026-2027 que este martes anunciou o goberno do PP logo de rachar a regra de gasto. “Levamos moito tempo decíndolle ao goberno do PP que mudara o rumbo na xestión dos cartos públicos”, advertiu a responsable local, Mari Fernández Sanmartín, “e finalmente a mala xestión, o despilfarro e a débeda do goberno de Crespo van a pagalo as veciñas e veciños de Lalín” cun novo crédito de 4,2 millóns de euros que “non servirá máis que para poñer un parche na sangría das arcas municipais e endebedará aínda máis ás veciñas e veciños de Lalín, que seguimos pagando as facturas dunha xestión económica nefasta no noso concello”.
Fernández Sanmartín advírtelle ao goberno do PP “que non conte co BNG para tapar as súas vergoñas” e exixe aos responsables locais “que deixen de mentirlle á veciñanza, facendo as contas da leiteira para rematar dando de fronte coa realidade”. A responsable
local nacionalista exixe “xa, e de xeito urxente, un mea culpa dos responsables municipais do PP e un xiro radical na súa política económica”. Critica Fernández Sanmartín que os sucesivos gobernos de Crespo en Lalín “levan desangrando economicamente os cartos públicos do noso concello durante anos”, aumentando “sen control” o despilfarro e a débeda municipal “que pagamos todas e cada unha das veciñas”.
PUBLICIDADE
Diante desta situación “xa non valen escusas nin parches”, sinalou a responsable local do BNG “hai que asumir responsabilidades e virar o rumbo”. Desde o BNG de Lalín “levamos anos advertindo que isto ía acontecer cedo ou tarde”, e explica Fernández Sanmartín que tal e como recoñeceu onte (polo martes) a tenente de alcalde “claro que isto é unha decisión política, é a decisión duns políticos que son pésimos xestores dos cartos públicos”.
O BNG de Lalín critica tamén que o goberno local do PP “tente esconder a súa mala xestión mesmo en obras de saneamento nas parroquias”. Fernández Sanmartín convida
ao PP lalinense a “dar a cara por unha vez e deixar de agochar a súa incompetencia vendendo fume”. Desde o BNG local “levamos meses analizando os datos oficiais e a
situación económica do noso concello, e advertindo de que as cousas non van ben”. A
responsable local lamenta que “a realidade volve darnos a razón, fronte a un goberno
soberbio que neste tempo non foi quen de reaccionar e mudar o rumbo”. Lembra Fernández Sanmartín que “advertimos por activa e por pasiva da débeda inasumible do
concello, dos fastos, os despilfarros e os proxectos faraónicos do goberno do PP, de que
temos o goberno máis caro da nosa historia... pero o PP non escoitou ningunha
advertencia, e agora imos pagar os pratos rotos todas as veciñas e veciños”, critica
Fernández Sanmartín.








Comentarios