O PSOE denuncia que o Concello "obriga a pagar un mando no parking Europa sen respaldo da ordenanza"
- ecosdacomarca

- hace 3 horas
- 2 Min. de lectura
Ecos da comarca/Lalín
O PSdeG-PSOE de Lalín denunciou onte que o goberno de José Crespo, "tras a reorganización imposta no parking Europa, pretende obrigar aos usuarios abonados a pagar un mando de acceso cun custo de 30 euros, un pago que non está recollido na ordenanza municipal que regula o funcionamento e as tarifas deste servizo público". A voceira socialista, Alba Forno, sinala que a normativa vixente só contempla o abono mensual de 30 euros por praza, sen incluír en ningún caso custos adicionais como o do mando, polo que introducir este novo pago sen modificar a ordenanza “xera serias dúbidas sobre a súa legalidade e os usuarios poderían recorrelo, porque non teñen a obriga legal de afrontalo”.

Neste sentido, os socialistas anunciaron que solicitarán un informe ao secretario municipal para aclarar a legalidade desta medida, ao considerar que introducir novos pagos sen respaldo na ordenanza xera dúbidas xurídicas e sitúa aos usuarios nunha situación de inseguridade. Forno subliña que nun servizo público as condicións de uso e os prezos deben estar claramente regulados e aprobados, polo que non se poden introducir novos pagos por decisión unilateral do PP. “Se non está recollido na ordenanza, non se pode esixir. As regras non se poden cambiar a metade do partido”, indica.
Os socialistas consideran, ademais, que esta medida resulta inxusta para os abonados, que xa están a pagar unha cota mensual e que, ao mesmo tempo, ven como se lles empeoran as condicións de uso do parking. A reubicación obrigatoria na planta superior, con accesos máis incómodos e en peores condicións, contrasta coa situación do resto de usuarios, que poden seguir aparcando gratuitamente na planta baixa sen limitación efectiva de tempo, o que, segundo o PSdeG, desvirtúa o modelo de rotación para o que foi concibido o aparcadoiro.
PUBLICIDADE
Desde o PSdeG tamén critican "a falta de planificación do Concello e sosteñen que se deberían implantar sistemas modernos de acceso mediante a lectura de matriculas, que eviten custos adicionais para a cidadanía". Consideran que o gasto derivado do funcionamento do servizo non debe recaer directamente nos usuarios, senón formar parte da propia xestión municipal.
PUBLICIDADE
Ante esta situación, os socialistas reclaman a retirada inmediata da obriga de pagar o mando, a adaptación do sistema de acceso a un modelo que non supoña custos engadidos para os usuarios e o respecto estrito á ordenanza municipal vixente. “Os servizos públicos teñen que ser claros, xustos e transparentes. Non se pode obrigar á xente a pagar por algo que non está regulado nin aprobado”, concluíu Forno.








Comentarios