top of page

O PSOE denuncia que ao goberno de Rodeiro "seguen sen cadrarlle as contas"

"É o único da provincia ao que o Estado lle retén fondos por non ser transparente", acusan os socialistas


Ecos da Comarca/Rodeiro

O PSOE denuncia que ao goberno de Rodeiro "seguen sen cadrarlle as contas: é o único da provincia ao que o Estado lle retén fondos por non ser transparente. Iso significa que, mentres ao resto dos municipios da provincia lle chegan con total normalidade os cartos do Estado, no caso de Rodeiro retéñenlle cada mes parte deles por non enviar a documentación imprescindible ao Ministerio de Facenda".


Os números, insiste, "seguen sen darlle ao goberno de Rodeiro, en mans do PP. O escándalo do remanente de tesourería, é dicir, a imposibilidade de utilizar xa 800.000 euros para arranxar pistas por non facer a tempo os trámites necesarios, non foi un feito illado, senón que é a forma de proceder habitual do executivo de Rodeiro, que non é capaz de xestionar os cartos de todos. A mellor proba diso é que o Concello de Rodeiro é o único de toda a provincia e un dos cinco en toda Galicia que foi penalizado polo Ministerio de Facenda pola súa falta de transparencia e capacidade na xestión orzamentaria. É dicir, trátase do único lugar da provincia ao que lle están a reter cartos por non saber ou non

querer ser transparente coas contas", asegura.

Camiñas.

Así, o PSOE de Rodeiro denuncia que o municipio tivo que "pechar o ano 2022 con recortes nas transferencias estatais pola Participación nos Ingresos do Estado (PIE)", que é, ademais, a principal vía de financiación dos concellos. Para os socialistas, "trátase dun asunto da máxima gravidade, porque revela a incapacidade do actual goberno, que nin sequera é capaz de facer ben as cousas para que ata as arcas municipais cheguen os ingresos do Estado que, en cambio, si reciben con total normalidade e regularidade as outros 60 concellos da provincia".


"É incrible que Rodeiro teña a triste honra de ser o único Concello da provincia que, pola incapacidade dos seus gobernantes, lle reteñen fondos por parte do Estado. Permitiría o goberno local e o seu equipo que lles pasara iso se foran os seus propios cartos? Semella, unha vez máis, que non lles importa xogar cos cartos de todos", sinala o secretario xeral local socialista, José Luis Camiñas.


"Rodeiro está entre os cinco concellos peores de Galicia"

Así mesmo, apunta que o Ministerio de Facenda ten previsto transferir en 2023 un total de 482.006,46 euros ao Concello de Rodeiro en concepto da participación dos Ingresos dos Tributos do Estado, pero subliña que "para poder percibir este financiamento estatal, a normativa obriga aos concellos a cumprir con requisitos de transparencia en materia orzamentaria e fiscal. Entre eles está a obriga de comunicar antes do 1 de xullo de cada ano os Orzamentos municipais en vigor. O Concello de Rodeiro incumpriu con esta obriga en 2022 e foi o único de toda a provincia de Pontevedra que non foi quen de facelo. Outros catro concellos galegos incorreron no mesmo erro, polo que Rodeiro está entre os cinco peores de Galicia e, ademais, demostrou ser o peor de toda a provincia. En consecuencia, podemos afirmar que temos o peor goberno de toda a provincia e un dos máis pésimos de Galicia. Froito diso tivo retencións nos ingresos que transfire o Estado tódolos, meses que se lle aplicaron tanto en novembro como en decembro do 2022. A Lei 22/2021 de Orzamentos do Estado regula esta cuestión na disposición adicional 87a onde establece que as retencións aplicaranse aos concellos incumpridores a partir do mes de setembro os importes retidos non se liquidarán ata que o Concello cumpra coas súas obrigas e notifique os Orzamentos do ano 2022. Dado que as transferencias estatais son mensuais, a partir deste mesmo mes de xaneiro iremos vendo se Rodeiro xa solucionou esta deficiencia que demostra a súa incapacidade e falta de transparencia. Estaría ben que, polo menos no 2023, se cumpra a lei", recalca o socialista.

A retención que se lle fixo ao Concello na última parte do 2022, segundo Camiñas, "de arredor de 30.000 euros, pode que non pareza unha cifra xigante para o orzamento dun Concello. Pero isto non se trata dunha cuestión de números, senón de formas de actuar. E, unha vez máis, queda claro que o Goberno de Rodeiro actúa sen transparencia, facendo de ser trapalleiros unha sinal de identidade", conclúe o socialista rodeirense.

1 comentario

1件のコメント


xocas gonzalez
xocas gonzalez
2023年1月27日

É o único que non lle interesa que haxa máis habitantes para así seguir mantendo a endogamia política.

いいね!
IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png
bottom of page