O PSOE denuncia "o uso dun coche municipal por parte de Souto para acudir en apoio a Cachafeiro"
- ecosdacomarca

- 2 ago 2025
- 2 min de lectura
Pídelle explicacións ao concelleiro lalinense, lembrando "que cobra un salario estratosférico por traballar supostamente a media xornada, polo que non pode dedicarse a facer militancia popular co coche do Concello"
Ecos da Comarca/Lalín
O grupo municipal socialista de Lalín denuncia "a utilización partidista dun vehículo municipal por parte do concelleiro, Avelino Souto, que se desprazou a Forcarei a bordo dun coche do Concello para participar na comitiva organizada polo Partido Popular para apoiar á nova alcaldesa, Belén Cachafeiro, que accedeu á Alcaldía grazas a un
tránsfuga procedente do PSdeG". A voceira socialista, Alba Forno, considera que este episodio “non só revela unha total falta de ética institucional, senón que volta amosar esa vella confusión do PP entre o que é o partido e o que é a institución. Levan tantos anos mesturando siglas e cargos que xa nin distinguen o que é público do que é seu”.

Forno considera lamentable ver "como un coche do Concello, que pertence a todos e todas as lalinenses, pasa a mañá aparcado en Forcarei, non para facer ningún servizo público ao servizo de Lalín, senón para que o señor Souto poida botarlle palmas á nova alcaldesa popular, cuxo maior mérito foi recibir o bastón de mando da man do transfuguismo porque non foi quen de conseguilo nas urnas”, afirma Forno.
Publicidade
Dende o PSdeG-PSOE de Lalín pídenlle explicacións ao concelleiro, lembrando que "cobra un salario estratosférico por traballar supostamente a media xornada, polo que non pode dedicarse a facer militancia popular co coche do Concello". “Se quere ir a actos do partido, que vaia no seu coche, como calquera cidadán que milite nun partido”, destaca e engade que foi o único cargo que asistiu nun vehículo municipal.
Para os socialistas, o problema destes feitos non é só o custo económico —que tamén—, senón o que representa en termos de desprestixio institucional porque “a cidadanía está farta de ver como os medios que son de todos se poñen ao servizo duns poucos”.
Publicidade
Os socialistas lembran que este non é un caso illado e recordan "a existencia de milleiros de arquivos do PP elaborados e gardados en ordenadores municipais, exconcelleiros do PP reconvertidos en fotógrafos ou community managers a soldo público que tanto sacan fotos nun mitin do PP coma nun acto do Concello, ou mesmo o curso para aprender a falar en público que todos os lalinenses lle pagamos á tenente de alcalde, Paz Pérez, incluíndo autopista, gasolina e dietas para desprazarse a Santiago”.








Comentarios