O PSOE denuncia "o ataque frontal do PP á metade da poboación dezá co seu non ao Decreto Ómnibus"
- ecosdacomarca
- 26 ene
- 3 Min. de lectura
Paula Fernández explica que a negativa do PP provocará que "os 11.300 pensionistas da comarca deixen de ingresar case 4 millóns de euros ata final de ano"
Ecos da Comarca/Deza
Os socialistas da comarcas de Deza mostraron este sábado o seu profundo rexeitamento ao voto contrario do Partido Popular, xunto cos independentistas cataláns e a extrema dereita, ao Decreto Ómnibus no Congreso dos Deputados. Un rexeitamento que, como explicou a Deputada e alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, “supón un ataque directo a máis da metade da poboación dunha comarca na que un terzo da poboación é pensionista e na que a base social a conforman familias e traballadores/as que verán como medidas fundamentais do escudo social quedan paralizadas”.

Nun encontro con militantes en Silleda no que tamén participou o alcalde de Rodeiro, José Luis Camiñas, o exalcalde de Silleda, Manuel Cuiña, ou a secretaria xeral do PSOE de Lalín, Alba Forno, entre outros, Fernández explicou que a caída deste decreto suporá que non se revalorizarán as pensións nun 2,8%, deixándose de ingresar case 4 millóns de euros ata final de ano para os 11.300 pensionistas da comarca.
“O PP ten que explicar por que lle vai quitar 27 euros de media máis ao mes aos pensionistas de Silleda, Rodeiro, Lalín, Vila de Cruces, Agolada ou Dozón”, sinalou. Ao mesmo tempo, lembrou que tamén se cancelan medidas como o incremento do 7% no Ingreso Mínimo Vital que perciben milleiros de persoas na comarca, a subida do Salario Mínimo Interprofesional e os descontos no transporte, que afectan de maneira directa á clase traballadora e á mocidade, especialmente aos estudantes.

Paula Fernández subliñou que “a postura destrutiva do PP, baseada no “non polo non”, non fai máis que castigar á poboación máis vulnerable”. “No Deza, onde aproximadamente un terzo da poboación é pensionista, este voto en contra é especialmente destrutivo”, incidiu. Ademais, explicou que a provincia de Pontevedra deixará de ingresar 250 millóns de euros en entregas a conta para as Comunidades Autónomas, poñendo en risco a financiación de servizos públicos esenciais como a sanidade, a educación ou a dependencia.
A deputada no Congreso reclamoulle aos membros do PP local con representación nas Cortes “que expliquen o voto contrario á revalorización das pensións e ao resto de medidas sociais, porque os nosos veciños e veciñas merece saber por que o Partido Popular decidiu darlles as costas freando unhas medidas que suporían unha mellora
directa na súas vidas”.
Finalmente subliñou a necesidade de desmentir os bulos difundidos polo PP sobre este decreto, “pois ao contrario do que aseguran, o texto non incluía ningunha medida que supuxese unha subida da luz ou dos alimentos, senón que estaba centrado case exclusivamente en medidas sociais”. Ademais, sinalou que o argumento do “palacete do PNV” é completamente banal, xa que se trata de devolverlle aos nacionalistas vascos o que xa era seu e que estaba comprometido polos Gobernos de Aznar ou de Rajoy.
Publicidade
Para o alcalde de Rodeiro, José Luís Camiñas, “o Partido Popular actúa con absoluta irresponsabilidade” ao tumbar o escudo social incluído no Decreto Ómnibus. “Resulta un exercicio de salvaxismo ver a Feijóo e a Rueda tentando sacar rédito electoral deste voto en contra, mentres miles de persoas afrontan con angustia os próximos meses debido a esta decisión”. Camiñas asegura que Feijóo antepón os seus intereses partidistas aos das persoas, demostrando unha vez máis que carece dun proxecto real para España e que o seu único obxectivo é derrocar ao Goberno de Pedro Sánchez, custe o que custe, tras non lograr facelo nas urnas”. “É un comportamento irresponsable que castiga á maioría social”,
indicou.
Polo seu lado, Alba Forno aludiu á falta de sentido do ridículo de Feijóo “cando intenta botarlle as culpas de que non suban as pensións aos que votaron a favor da subida, mentres non recoñece que o seu voto contrario é o que impide que miles de familias da zona poidan beneficiarse desta medida ou dos descontos no transporte”. Considera tamén “totalmente incoherente que o PP demande agora que se presenten decretos por
separado para votalos a favor, cando acaban de votalos en contra”. “Deixan claro que o seu rexeitamento non responde a unha análise seria e responsable das propostas, senón a unha actitude destrutiva polo mero feito de opoñerse ao Goberno”, incidiu.
Nos vindeiros días publicaremos vídeo deste encontro.
Comments