O PSOE de Silleda propón incorporar aparcadoiros do recinto feiral á rede galega de aparcadoiros seguros
- ecosdacomarca

- 24 jul 2025
- 2 Min. de lectura
Critica ao BNG por "propoñer obras sen valorar alternativas xa existentes nin os custos que supoñen para o Concello"
Ecos da Comarca/Silleda
O Grupo Municipal Socialista de Silleda presentou unha emenda á moción do BNG sobre a creación dun aparcadoiro seguro para camións, propoñendo "unha alternativa máis realista e eficaz: aproveitar os espazos existentes no perímetro do Recinto Feiral, que xa están vallados, asfaltados e situados a escasos metros dunha saída da AP-53, unha vía de conexión clave entre Santiago e Ourense".

Explica que eses aparcadoiros, que actualmente só se utilizan durante grandes eventos como a Semana Verde, poderían albergar unha zona de estacionamento para camións e tamén unha área para caravanas e autocaravanas, sen necesidade de xerar custos adicionais para o Concello.
Publicidade
Desde o PSOE lembran que a Xunta de Galicia puxo en marcha en 2023 a Rede Galega de Aparcadoiros Seguros para o transporte de mercadorías, anunciada polo presidente Alfonso Rueda co obxectivo de crear 1.500 prazas en toda Galicia. A día de hoxe, só se puxeron en funcionamento arredor de 350, con proxectos piloto como o da Central de Transportes de San Cibrao das Viñas, en Ourense. “É perfectamente viable que a Xunta valore incluír os espazos do Recinto Feiral neste proxecto de rede galega, aproveitando unha infraestrutura que xa existe e que, coa dotación de servizos mínimos, podería estar operativa en pouco tempo”, explican os socialistas.
Publicidade
Desde o grupo municipal critican ao BNG "por volver presentar unha proposta sen análise económico, sen explorar alternativas existentes e sen calcular o impacto real que suporía para as arcas municipais. Facer política útil tamén é saber aproveitar o que xa temos, mellorar o que funciona e reclamar con criterio o apoio doutras administracións. Non todo se resolve a base de obras novas e titulares fáciles”, conclúen.
A proposta do BNG de Silleda no enlace: https://www.ecosdacomarca.com/post/o-bng-de-silleda-prop%C3%B3n-a-creaci%C3%B3n-dun-aparcadoiro-municipal-para-cami%C3%B3ns








Comentarios