O PSOE de Lalín valora a retirada de prohibir a entrada de menores de 13 anos na biblioteca
- ecosdacomarca

- hace 46 minutos
- 2 Min. de lectura
Alba Forno considera que a rectificación é positiva e lembra que “a biblioteca debe ser
un espazo aberto á lectura, á curiosidade e á formación da mocidade”
Ecos da Comarca/Lalín
O PSdeG-PSOE de Lalín valorou positivamente a retirada do cartel que prohibía a entrada de menores de 13 anos na biblioteca municipal se non ían acompañados por unha persoa adulta. A voceira socialista, Alba Forno, considera que a desaparición deste aviso supón “un paso na boa dirección” despois das críticas xeradas pola medida.

Forno lembrou que esta prohibición se introducira simplemente mediante un cartel, sen estar amparada por ningún regulamento nin por ningunha ordenanza municipal. “Unha medida deste tipo non pode aplicarse de maneira improvisada nin mediante un simple aviso na porta dunha biblioteca pública”, sinalou.
Publicidade
A portavoz socialista insistiu en que as bibliotecas son espazos públicos destinados a fomentar a lectura, o coñecemento e a curiosidade da infancia e da mocidade. “Impedir o acceso a nenos e nenas polo simple feito de non ir acompañados por un adulto non tiña nin pés nin cabeza e contradí o espírito das políticas públicas de promoción da lectura”, afirmou.
Desde o PSdeG-PSOE recoñecen que poden existir situacións puntuais nas que determinados comportamentos non sexan adecuados, pero consideran que esas
cuestións deben abordarse caso por caso e non mediante prohibicións xerais. “Non
se pode facer táboa rasa e limitar o acceso á biblioteca a toda a infancia por
posibles comportamentos illados”, explicou.
PUBLICIDADE
Forno subliñou ademais que, se o goberno municipal considera necesario regular o
funcionamento da biblioteca, o camiño adecuado é aprobar un regulamento de uso con garantías xurídicas e participación pública, e non establecer restricións a través de simples carteis.
O grupo socialista anunciou que levará ao próximo pleno unha batería de preguntas para coñecer quen tomou esta decisión, en base a que criterios se adoptou e se o Concello prevé impulsar algún tipo de normativa sobre o uso da biblioteca municipal.
A noticia na que o PSOE criticou esta cuestión no enlace: https://www.ecosdacomarca.com/post/alba-forno-pide-retirar-a-prohibici%C3%B3n-de-acceso-de-menores-de-13-anos-%C3%A1-biblioteca-municipal-de-lal%C3%AD








Comentarios