O PSOE de Lalín reclama unha maior amplitude nos horarios dos espazos turísticos nos meses de verán
- ecosdacomarca

- 20 jul 2025
- 2 min de lectura
Considera negativo que edificios coma o Museo Ramón Mª Aller ou o Pazo de Liñares pechen dous días, levando a que os turistas que se asenten uns días en Lalín non poidan visitas estes espazos
Ecos da Comarca/Lalín
Os socialistas de Lalín reclaman á concellería de Turismo que traballe por mellorar os servizos turísticos e faga fincapé nos horarios dos espazos que xestionan dende dita concellería. “Estamos en período de vacacións e edificios con tanta relevancia coma o Pazo de Liñares ou o Museo Ramón Mª Aller pechan dous días (domingo e luns), algo impensable se se quere fomentar o turismo”, detalla a voceira do grupo, Alba Forno.

Describe que isto leva a que turistas que se asenten no municipio uns días, marchen sen poder visitar estes espazos “que son un símbolo de Lalín”. "As campañas de turismo deste Goberno son case nulas, desbotan ideas relevantes para fomentar o turismo e só apoian iniciativas privadas, que, por suposto, sempre son benvidas a Lalín”, indica Forno. Engade que para o turismo que se asenta na vila chegar a un edificio pechado “non dá moi boa imaxe” e move a estes turistas a concellos limítrofes coma son Silleda ou mesmo ás grandes cidades.
Publicidade
Por iso, considera que deberían mellorar nos horarios dos edificios turísticos e tamén
facilitar a información, posto que de Castrodeza ou da propia Oficina de Turismo,
descoñécese que horario teñen para poder achegarse. “Hoxe en día, a información que hai colgada na rede de calquera servizo debería actualizarse de xeito constante. Contan co persoal suficiente neste sentido para que non haxa carencia de información”, puntualiza.
Así mesmo, recalca que hai uns meses que desbotaron a idea do autobús que neste período chegase ás Fragas de Catasós, Pazo de Liñares ou mesmo Pozo do Boi, fomentando así os desprazamentos dos turistas e establecendo unha ruta que permitise
visitar os lugares máis emblemáticos de Lalín. “Pedímoslle que volvan a pensar nesta idea,
porque ademais dos beneficios que indicamos, agora o complexo asentado en Prado
tamén se podería beneficiar disto”.
Publicidade
Finalmente, Forno lamenta a falta de iniciativas neste eido: “Non hai unha planificación
establecida para atraer ao turismo e deixarlles bo sabor de boca. Son dous meses nos que
Lalín podería ser un gran atractivo polas súas paisaxes, gastronomía e museos, pero non
se está a facer promoción disto”.








Comentarios