O PSOE de Lalín presentará unha moción sobre a selección de persoal para a Policía Local
- ecosdacomarca

- 16 jul
- 3 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Lalín
O PSOE de Lalín levará ao vindeiro pleno municipal unha moción sobre a selección de persoal para a Policía Local de Lalín. "A selección de persoal nas administracións públicas debe estar presidida polos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade. Cando se trata de postos tan sensibles como os da Policía Local, a responsabilidade de garantir un proceso transparente e rigoroso é aínda maior, dado o impacto directo que ten sobre a seguridade cidadá e a confianza da veciñanza nas institucións", recalca o PSOE de Lalín.
No pasado mes de xuño de 2025, o proceso selectivo convocado polo Concello de Lalín para incorporar novos axentes á Policía Local "viuse gravemente afectado por diversas irregularidades detectadas no exame tipo test. Segundo recolleu a prensa, en 32 das 110 preguntas aparecían as respostas destacadas tipograficamente en negrita ou cun tamaño superior, o que supuxo a invalidación da proba e a súa posterior anulación. Este feito provocou unha situación de incerteza e malestar entre os aspirantes e obrigou ao Concello a repetir o exame. Ademais, a sección sindical da USO xa advertira no ano 2022 de que Lalín era dos poucos concellos galegos que non tiña delegado o proceso de selección na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP)", explican os socialistas.

As consecuencias desta situación son múltiples e negativas, apuntan. "En primeiro lugar,
retrásase de maneira innecesaria a incorporación de novos axentes, nun momento no que o municipio precisa reforzar con urxencia o seu cadro de persoal policial para dar resposta a unha maior demanda de seguridade e presenza nas rúas. En segundo lugar, este tipo de erros organizativos afectan seriamente á imaxe de Lalín como administración solvente e fiable, xerando dúbidas sobre a súa capacidade para xestionar con rigor procesos de contratación pública. E, por último, contribúen a erosionar a confianza da cidadanía nun dos servizos esenciais do Concello, como é a seguridade pública, así como no propio funcionamento institucional".
Cómpre sinalar, destaca o PSOE, "que Lalín forma parte dunha minoría de concellos galegos que continúa asumindo pola súa conta os procesos selectivos da Policía Local. Segundo datos da propia Xunta, dos 126 concellos galegos que contan con Corpo da Policía Local, 97 delegan actualmente estas competencias na AGASP. Esta cifra representa o 73 % do total e inclúe ás sete grandes cidades de Galicia, coa recente incorporación de Ourense. O feito de que a inmensa maioría de concellos opte por esta vía non só amosa unha clara tendencia institucional, senón que avala o modelo da AGASP
como sistema que garante a imparcialidade, eficiencia e profesionalidade".
Publicidade
"Cómpre, por tanto, adoptar medidas que garantan a profesionalidade e transparencia na selección de persoal para a Policía Local, delegando na AGASP a organización das probas, mellorando os controis internos e asegurando que os procedementos se desenvolvan con todas as garantías legais e técnicas. A planificación, o respecto ás normas e a xestión responsable son imprescindibles para evitar que se repitan erros como os acontecidos", subliña.
Por todo isto, o Grupo Municipal Socialista propón ao Pleno do Concello de Lalín a
adopción dos seguintes acordos:
"1. Instar ao Concello de Lalín a convocar, coa máxima dilixencia e sen máis demoras, un novo proceso selectivo para cubrir as prazas de axente da Policía Local afectadas pola anulación da anterior convocatoria, garantindo así a incorporación inmediata de persoal que permita reforzar o servizo e atender as necesidades actuais de seguridade cidadá no municipio".
Publicidade
"2. Instar ao Concello de Lalín a adherirse, de xeito inmediato, ao convenio da Xunta de Galicia (DOG no 222, do 22 de novembro de 2017), para delegar na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) a selección de persoal da Policía Local en futuras convocatorias, co obxectivo de garantir procesos homologados, rigorosos e plenamente transparentes".
"3. Establecer protocolos internos de control de calidade na elaboración das probas selectivas cando estas sexan organizadas directamente polo Concello, incluíndo a revisión tipográfica, a verificación da existencia dunha única resposta correcta por pregunta, a validación do formato e calquera outro mecanismo que evite erros materiais ou técnicos que poidan invalidar os exames".








Comentarios