top of page

O PSOE de Lalín pregúntalle ao Concello e á Xunta sobre as firmas dos sanitarios esixindo melloras

14 feb 2023
2 min de lectura

Sinala que en outubro máis de 100 traballadores de Deza presentáronas para pedir outra ambulancia de soporte vital básico, un monitor-desfibrilador e un detector de CO 2, pero asegura que non obtiveron resposta


Ecos da Comarca/Lalín

No mes de outubro do pasado ano, en concreto o día 20, persoal sanitario da comarca de

Deza presentou por rexistro unha solicitude para dotar de máis medios asistenciais ao

transporte sanitario urxente desta bisbarra. Dende a bancada socialista de Lalín

pregúntanlle ao Goberno de Lalín e á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, por

que catro meses despois estes profesionais non obtiveron ningunha resposta.

Socialistas de Deza na manifestación en Santiago a favor da Sanidade pública este domingo.

A concelleira e candidata á Alcaldía, Alba Forno, lémbralle a ambas administracións que

esta solicitude ía acompañada por máis de 100 firmas de persoal que traballa en Deza,

“polo que debería ter en consideración as súas demandas e, como mínimo, darlle unha

resposta”. Na súa solicitude, esixíanlle á Consellería de Sanidade a urxente dotación

doutra ambulancia de soporte vital básico 24 horas, como a que está en funcionamento,

un monitor-desfibrilador bifásico para realizar derivacións na atención aos doentes a

domicilio, indispensable pola dispersión xeográfica de Deza, e un detector de CO2 para

uso do persoal facultativo na asistencia domiciliaria. “Non é nada desproporcionado o que

esixen, pero parece que tanto dende o Concello coma dende a Xunta de Galicia o Deza e

Lalín non son unha prioridade. O persoal está saturado e desbordado, por iso

consideramos que deberían facilitarlle máis servizos para ter unha mellor atención

sanitaria na nosa comarca e no noso municipio”, reivindica a candidata socialista.


A isto, engade que a Sanidade é a grande esquecida por Crespo. “Mentres en campaña

electoral anunciou a gritos que a ambulancia medicalizada chegaría co seu goberno, o

certo é que catro anos despois a situación é a mesma, ou peor”. No anterior pleno falou

dunha ambulancia sanitarizada, “pero iso non é o que prometeu nin tampouco o que

demandan os nosos/as traballadores/as sanitarios/as”. Por outro lado, o ambulatorio

presenta cada vez un peor estado, “centrándonos xa soamente no edificio parece que

vivimos nun lugar terceirmundista, todo apuntalado, e cun CIS que leva anos de retardo”.


Dende a bancada socialista reitéranlle ao goberno que a Sanidade é un dereito de todos/as e que “deberían loitar por uns mellores servizos para a nosa veciñanza en lugar

de despilfarrar diñeiro en grandes obras. Coa saúde non se xoga e nós non podemos

permitir que se sigan retardando estes servizos”.

Preme na imaxe se queres contactar connosco!

Manifestación en Santiago

Nesta fin de semana celebrouse en Santiago de Compostela a manifestación pola saúde

e ata alí trasladouse o concelleiro socialista Román Santalla, quen estivo acompañado doutros compañeiros da comarca, como o alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, e as concelleiras deste municipio Paula Fernández, Mónica González e Pili Peón; e da provincia para apoiar a multitudinaria protesta, que encheu a Praza do Obradoiro. Santalla destaca que milleiros de persoas esixiron unha mellor calidade na sanidade, máis servizos e “mellores condicións nun tema tan necesario e urxente como é a Sanidade Pública.


Foi unha protesta sen precedentes e que ateigou a capital galega para revindicar un dereito de toda a cidadanía galega que se está vendo maltratado en todos os ámbitos, "e no local, en Lalín temos moito que avanzar e é un reflexo do que sucede en toda Galicia”.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page