O PSOE de Lalín pide ao Goberno explicacións ante o incumprimento dos compromisos coa Rúa da Ponte
- ecosdacomarca

- 24 may
- 2 min de lectura
O PSOE volveu a visitar a zona para escoitar á veciñanza que mostra “o seu malestar ante a inacción do Goberno”, que lle afirmara que traballarían entre finais de abril e comezos de maio
Ecos da Comarca/Lalín

O PSdeG-PSOE de Lalín lamenta que o alcalde, José Crespo, "incumpra os compromisos adquiridos coa veciñanza da Rúa da Ponte despois de prometer actuacións de limpeza e acondicionamento nesta contorna entre finais de abril e comezos de maio". O concelleiro socialista Mario López e Eva Castro volveron visitar a zona para comprobar o estado actual e recoller novamente o malestar dos residentes, que aseguran sentirse “abandonados e non escoitados”.
“O goberno comprometeuse cunhas datas concretas e hoxe todo segue practicamente igual”, lamentou Mario López, que lembra que o PSOE leva meses advertindo desta situación e reclamando solucións.
PUBLICIDADE
O concelleiro socialista explica que a maleza continúa medrando sen control na contorna da Trigueiriza, xerando problemas de insalubridade o que dificulta incluso abrir as ventás nas vivendas próximas durante os días de calor.
López lembra ademais que, tras as primeiras denuncias realizadas polo PSOE e pola propia veciñanza, o goberno local chegou a derivar responsabilidades cara Augas de Galicia, aínda que posteriormente recoñeceu que se trataba dunha cuestión municipal e comprometeuse a actuar.
PUBLICIDADE
“Pasaron os meses e o único que fixeron foi pasar unha desbrozadora durante uns minutos nunha pequena franxa lateral. Agardamos que esa non sexa a actuación
que tiñan prevista”, critica.
Desde o PSOE reclaman ao goberno local que actúe de inmediato e execute os traballos de limpeza e acondicionamento necesarios na beira do río ao seu paso por esta contorna, atendendo así unha demanda reiterada da comunidade de propietarios do edificio La Fábrica e da veciñanza afectada. Así, pregúntalle cal é o motivo para non actuar nesta área e por que non cumpriron coas datas indicadas á veciñanza.
NOTICIA RELACIONADA:
Veciñanza da Rúa da Ponte de Lalín demanda que se limpe o regato e as fincas colindantes:https://www.ecosdacomarca.com/post/veci%C3%B1anza-da-r%C3%BAa-da-ponte-de-lal%C3%ADn-demanda-que-se-limpe-o-regato-e-as-fincas-colindantes








Comentarios