O PSOE de Lalín pide aclaracións pola aparición nun mercadiño dunha placa dedicada a Rafa Domínguez
- ecosdacomarca

- hace 1 día
- 2 min de lectura
É unha distintición que entregou o Centro Lalín, Agolada e Silleda de Bos Aires ao vicepresidente da Deputación de Pontevedra
Ecos da Comarca/Lalín
O PSdeG-PSOE de Lalín pide ao alcalde, José Crespo, que dea explicacións sobre a aparición nun mercadiño dunha placa institucional que o Centro Lalín, Agolada e Silleda de Bos Aires entregou ao vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, durante unha visita oficial á Arxentina.

Os socialistas lembran que non se trata dunha peza antiga nin dunha reliquia esquecida nun almacén, senón dun recoñecemento entregado hai pouco máis dun ano polos lalinenses da diáspora como mostra de agradecemento institucional. “Precisamente por iso resulta aínda máis incomprensible que rematase abandonado nun mercadiño”, sinalan.
“Resulta difícil de comprender que un obsequio entregado como mostra de agradecemento por unha institución que representa aos lalinenses e dezaos da Arxentina acabe tirado nun mercadiño. Os nosos emigrantes merecen unha explicación e tamén un respecto que, neste caso, semella que non existiu”, afirman.
PUBLICIDADE
Desde o PSOE preguntan a José Crespo se xa falou con Rafa Domínguez para coñecer como puido producirse esta situación e que valoración fai do sucedido.
Os socialistas consideran especialmente chamativo que, mentres unha placa entregada polos lalinenses de Bos Aires acaba nun mercadiño, segue paralizada a recuperación da placa en homenaxe aos represaliados polo franquismo que se conserva precisamente no Centro Lalín, Agolada e Silleda de Bos Aires, unha iniciativa que o PSOE leva tempo reclamando para que ese símbolo da memoria democrática poida regresar a Lalín.
PUBLICIDADE
Preme na imaxe para obter máis información do evento.
“Levamos tempo agardando a que o alcalde dea os pasos necesarios para recuperar unha peza que forma parte da historia de Lalín e da nosa emigración, pero esa xestión continúa bloqueada. En cambio, vemos como outro recoñecemento entregado polos mesmos lalinenses remata abandonado nun mercadiño. É unha imaxe que non merece nin a nosa emigración nin o noso concello”, conclúen.
PUBLICIDADE
O PSdeG lembra ademais que este episodio prodúcese nun contexto no que o Partido Popular nega as medidas que facilitan o acceso á nacionalidade española aos descendentes da emigración. “Mentres o PP cuestiona os dereitos dos netos e netas dos que emigraron por ser perseguidos pola ditadura e pon en dúbida o seu vínculo con Galicia, agora asistimos tamén a unha absoluta falta de consideración cara a un recoñecemento institucional entregado por esa mesma emigración. “Están tan empeñados en negar os seus dereitos que ata desprezan os seus agasallos”.









Comentarios