top of page

O PSOE de Lalín pide a recuperación dos cursiños de natación escolar a través das ANPA no Lalín Arena

Ecos da Comarca/Lalín

O Grupo Municipal Socialista de Lalín presentará no vindeiro pleno unha moción na que solicita a recuperación dos cursiños de natación escolar en colaboración coas ANPA e a ampliación da oferta de prazas no Lalín Arena, ao considerar que a actual situación está a prexudicar a numerosas familias do municipio.


Na exposición de motivos, os socialistas destacan que a natación é unha actividade fundamental para o desenvolvemento físico, psicomotor e social da infancia, ademais de constituír unha aprendizaxe esencial para a prevención de afogamentos e a promoción de hábitos de vida saudables.

Segundo recollen na iniciativa, durante anos o Concello de Lalín desenvolveu, xunto coas ANPA dos centros educativos, un programa de cursiños de natación que permitía achegar esta actividade a centos de escolares en horario extraescolar. Porén, aseguran que este servizo nunca recuperou a normalidade tras a pandemia.


A moción lembra que no curso 2022-2023 a oferta reduciuse de maneira considerable, chegando a existir unicamente entre cinco e seis prazas por centro educativo, e que no curso 2023-2024 o programa foi finalmente suprimido, deixando ás ANPA sen esta actividade.


O PSOE sinala que xa en outubro de 2023 denunciara esta situación, reclamando a recuperación dos cursiños, un incremento das prazas e maior transparencia na xestión das listas de espera e nos criterios de asignación. Afirma que, case dous anos despois, o problema non só continúa senón que se agravou.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información deste evento.
Preme na imaxe para obter máis información deste evento.

Segundo expón o grupo socialista, son numerosas as familias de Lalín que se ven obrigadas a desprazarse semanalmente a concellos como Carballiño, Chantada ou A Estrada para que os seus fillos e fillas poidan acceder a cursos de iniciación á natación, o que implica maiores custos económicos, dificultades de conciliación e desprazamentos que consideran evitables.


Os socialistas consideran que esta situación resulta contraditoria, tendo en conta que o Lalín Arena foi construído para fomentar a práctica deportiva e que en anos anteriores o propio Concello destacara a importancia destes cursos e a necesidade de ampliar as prazas para reducir as listas de espera.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Acordos que propón

A través desta iniciativa, o Grupo Municipal Socialista solicita ao Pleno a aprobación dos seguintes acordos:

  • Recuperar, a partir do vindeiro curso, os cursiños de natación dirixidos ao alumnado dos centros educativos do municipio en colaboración coas ANPA.

  • Elaborar, de forma consensuada coas ANPA, unha planificación anual que garanta unha oferta estable e suficiente de prazas para atender a demanda existente.

  • Incrementar a oferta de cursos de iniciación á natación para a infancia, dando prioridade ás primeiras idades.

  • Publicar os criterios de acceso aos cursos municipais de natación e establecer un sistema transparente de listas de espera que garanta a igualdade de oportunidades para todas as familias.


Con esta moción, o PSOE de Lalín defende a recuperación dun servizo que considera consolidado durante anos na oferta educativa e deportiva do municipio e que, segundo asegura, continúa sendo unha demanda recorrente das familias lalinenses.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page