O PSOE de Lalín pide a declaración de reparación dos edís e funcionarios municipais represaliados en 1936
- ecosdacomarca

- 22 nov 2025
- 3 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Lalín
Coincidindo coa data na que se cumpren 50 anos da morte de Franco, o PSdeG-PSOE de Lalín presentou unha moción para solicitar que o Concello inicie o expediente administrativo ante o Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática para obter a Declaración de Reparación e Recoñecemento Persoal dos concelleiros e funcionarios municipais represaliados tras o golpe de Estado de 1936.
Nunha comparecencia diante do Concello vello, a secretaria xeral do PSOE de Lalín, Alba Forno, avanzou os detalles da iniciativa e subliñou a súa carga democrática e histórica.
“Estamos aquí nunha data moi sinalada, o 20 de novembro, cando se cumpren 50 anos do falecemento de Franco. É, polo tanto, unha data que simboliza o inicio da democracia da que hoxe desfrutamos”.
“Imos levar ao próximo pleno unha moción para solicitar que o Concello de Lalín tramite o expediente para que o Ministerio de Memoria Democrática declare a reparación e o recoñecemento persoal dos concelleiros e funcionarios que foron represaliados en 1936 tras o golpe de Estado”.
“Esta iniciativa está amparada plenamente na Lei de Memoria Democrática, que obriga ás administracións a identificar, dignificar e reparar ás persoas perseguidas por razón política, ideolóxica ou pola súa función pública”.
Forno destacou o carácter institucional e non partidista da iniciativa: “Isto non vai de ideoloxías nin de ser de dereitas ou de esquerdas. Vai de ser demócratas. É un acto de unidade, de memoria e de dignidade cara ás vítimas e as súas familias, neste caso servidores e representantes públicos”.

“Facémolo coa man tendida a todos os partidos, en particular ao PP, que xa nos votou en contra de iniciativas similares. Só queremos defender a democracia baixo o paraugas da unidade e cumprir a lei. Queremos que sexa un xesto do concello actual ás mesmas persoas que eran concelleiras ou traballadores municipais no 36 e foron perseguidos e asesinados inxustamente por defender a legalidade democrátcica”.
A moción inclúe unha relación de 13 concelleiros e funcionarios do Concello de Lalín represaliados, documentada polo historiador local Manuel Igrexas, a quen Forno agradeceu expresamente o seu traballo.
Concelleiros e alcaldes
Manuel Ferreiro Panadeiro, alcalde fusilado en 1936
Xesús Golmar Rodríguez, alcalde, preso en San Simón e outros centros
Luis Frade Pazos, concelleiro asasinado
Antonio Jar Dobarro, concelleiro detido e multado
José Blanco Otero, concelleiro e garda municipal, preso en San Simón, San Cristovo, Cuéllar e Brunete
Marcelino García Villar, concelleiro e funcionario eventual, agochado durante 30 anos
Julio Calviño Friol, concelleiro detido e procesado
Funcionarios municipais
Xesús Froiz Gómez, garda municipal asasinado en 1936
José Crespo Torres, porteiro municipal fusilado
Benito Fernández Balboa, garda municipal asasinado en 1937
Eliseo Garra Lalín, funcionario eventual, asasinado
Ramiro Granja González, axente executivo, asasinado
Fernando Goyanes Goyanes, oficial municipal, detido e encarcerado en San Simón
Publicidade
Forno subliñou:“Todos eles eran funcionarios públicos e representantes municipais elixidos democraticamente. Foron perseguidos, torturados, multados ou asasinados por defender a liberdade e a legalidade democrática da Segunda República”.
Forno advertiu da preocupación crecente polo descoñecemento histórico, especialmente entre a mocidade. “Hoxe hai xente nova, como vemos nas enquisas, que chega incluso a considerar que Franco non foi tan malo, ou que foi bo. Hai mozos e mozas que ven con bos ollos a ditadura franquista porque non coñecen o que ocorreu, nin o valor real da democracia”.
Publicidade
“Estamos preocupados polos datos que din que hai persoas, sobre todo novas, que apoian o réxime franquista ou cuestionan a democracia. Por iso isto vai máis alá da moción, é un síntoma ao que debemos responder entre todos e todas, porque na defensa da democracia non podemos dar nin un paso atrás”.
“Quen hoxe cuestiona o sistema, nos cuestiona aos políticos, pode facelo porque vivimos precisamente nunha democracia”. “A mellor forma de honrar estes veciños de Lalín, que percorreron estas mesmas rúas e traballaron nesta casa consistorial, é recoñecer a súa dignidade e pedir a súa reparación con unidade de toda a corporación”.








Comentarios