O PSOE de Lalín lamenta que as rendas deste concello "sexan das máis baixas da provincia"
"A falta de solo industrial é un dos principais motivos para acadar estas cifras, pero
Crespo leva dende 2007 sen mover un dedo e poñendo trabas para que o olígono
industrial medre e veñan oportunidades para Lalín”, acusan os socialistas
Ecos da Comarca/Lalín
O PSdeG-PSOE de Lalín lamenta a nova coñecida esta fin de semana na que se apuntaba que Deza é a segunda comarca coas rendas máis baixas da provincia de Pontevedra. “Preocúpannos estas novas e máis vendo a un goberno que despilfarra cartos e esforzo noutros temas que non teñen prioridade”, apunta o grupo socialista.

Nas cifras achegadas, indicábase que a veciñanza da comarca dezá ten unha renda
media (segundo datos do Instituto Galego de Estatística de 2010-2020) de 12.283 euros
anuais, 1.201 euros menos que na comarca veciña de Tabeirós-Terra de Montes (13.484)
e 3.436 euros menos que a media autonómica. En canto aos datos de municipios, a
capital dezá sitúase por detrás de Silleda e da Estrada, fixando unha media de 12.545
euros, 1.225 euros menos que en A Estrada. “A Estrada, que está ao mesmo nivel que
Lalín en canto a número de habitantes, sempre nos leva vantaxe en moitos eidos, ao igual
que Silleda. Crespo non toma nota destes temas porque non ten interese en mellorar e
avanzar en Lalín, sempre está preocupado polos seus proxectos megalómanos e non nos
problemas reais da nosa veciñanza”, acusa o PSOE.
O grupo socialista de Lalín mostra a súa preocupación por estas cifras e indica que o
Goberno de Crespo está máis preocupado por outros temas e “non traballa por reverter
estes datos creando oportunidades para a nosa veciñanza”. Así mesmo, lembran que o
goberno do PP local e autonómico puxo trabas para avanzar na cuarta fase do Polígono
Industrial, “perdendo así a posibilidade de asentamento de novas empresas, que levarían
a aumentar o emprego da nosa vila e da nosa veciñanza”. Consideran que esta é principal
causa de que non haxa unhas rendas máis altas e que dende 2007 Crespo “non fixo
absolutamente nada neste eido e atallar este problema. O único que se molestou é en
pedir informes durante o Goberno de Coalición para así retardar máis darlle unha
solución”.
Indican que isto non pode seguir así, porque a cidadanía “está pagando a mala
xestión do Goberno”, mentres ve como se gastan millóns de euros en compras de
vivendas e terreos que non teñen nin proxecto nin unha finalidade clara. Dende a bancada socialista sinalan que "a situación do Goberno de Crespo, incluídos asesores, dista moito da realidade que vive a veciñanza lalinense. Mentres a media dos cargos con dedicación exclusiva e asesores está nos 35.000 €, a media da veciñanza non chega nin a metade. Quizais por iso non se decatan das necesidades reais que precisan e prefiren seguir investindo diñeiro público en grandes prazas ou comidas para contentar a uns poucos/as en lugar de crear oportunidades ou conseguir máis solo industrial”, conclúen dende a bancada socialista.








Comentarios