top of page

O PSOE de Lalín esixe o cumprimento, a actualización e impulso da ordenanza de normalización lingüística

Levará ao vindeiro pleno unha moción para abordar esta cuestión


Ecos da Comarca/Lalín

O PSOE de Lalín levará ao pleno deste mes de maio unha moción para o cumprimento, a actualización e impulso da ordenanza municipal de normalización lingüística deste concello.


"A lingua galega é un dos principais elementos de identidade colectiva de Galicia e tamén de Lalín. O Estatuto de Autonomía de Galicia recoñece o galego como lingua propia de Galicia e encomenda aos poderes públicos a obriga de garantir o seu uso normal e oficial. Do mesmo xeito, a Lei de Normalización Lingüística establece que as administracións públicas galegas, incluídas as corporacións locais, deben promover o emprego do galego no seu funcionamento ordinario e nas súas relacións coa cidadanía", sinala o PSOE.

O Concello de Lalín, apunta, conta cunha Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística aprobada no ano 2015 pola Corporación. Esta norma establece criterios para o uso do galego na administración local, na documentación municipal, na atención á cidadanía, na sinalización, na comunicación pública e na actividade institucional do Concello.


"Porén, o paso do tempo evidencia a necesidade de revisar, actualizar e, sobre todo, cumprir de maneira efectiva esta ordenanza. A realidade administrativa, comunicativa e social mudou moito nos últimos anos, especialmente coa expansión das redes sociais, da intelixencia artificial, da comunicación dixital e das novas formas de relación entre o Concello e a veciñanza. Ademais, malia que Lalín segue sendo un concello cunha presenza importante do galego na vida social, especialmente no rural, tamén se perciben sinais preocupantes de perda de uso entre a xente nova, nomeadamente no casco urbano, onde a maior parte da mocidade e dos nenos e nenas falan castelán. Mesmo está constatado que cada vez son máis frecuentes situacións nas que nenos e nenas que reciben o galego na casa mudan ao castelán ao entrar na escola ou na gardería, o que evidencia a necesidade de reforzar o prestixio social da lingua e o seu uso normalizado nos espazos públicos", lamentan os socialistas.


Neste contexto, o Concello, salienta, "debe exercer un papel exemplar e activo. Non abonda con que o galego estea presente de maneira maioritaria nas comunicacións municipais; cómpre garantir que se promocione o galego, que se empregue correctamente, con calidade lingüística, sen erros, con coherencia e en todos os ámbitos da acción municipal". Nos últimos anos, recalca, "téñense detectado abundantes erros lingüísticos en publicacións municipais, comunicacións de concellerías, materiais divulgativos, cartelería ou sinalización. Tamén existen partes da propia web municipal que

están en castelán. Estes feitos non deben abordarse desde a confrontación, senón desde a responsabilidade institucional".

 PUBLICIDADE

Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.
Se queres obter máis información do evento preme na imaxe.

A defensa do galego, considera o PSOE, debe ser un compromiso compartido co noso patrimonio c"omún. O galego non se defende só un día ao ano nin só con declaracións

simbólicas: deféndese usándoo, coidándoo e garantindo que as institucións

públicas dean exemplo. A propia ordenanza municipal prevé a existencia dun Servizo de Normalización Lingüística que debería cumprir funcións de asesoramento, revisión, dinamización e impulso do galego no ámbito municipal. Porén, na práctica, este servizo non existe e non funciona como unha estrutura estable e efectiva, o que dificulta a

aplicación real da propia ordenanza e a posta en marcha de políticas activas de normalización".


Por todo isto, coincidindo co mes das Letras Galegas, indica o PSOE que "resulta oportuno que o Concello de Lalín reafirme o seu compromiso coa lingua galega mediante medidas concretas, realistas e avaliables, orientadas a cumprir a ordenanza existente,

actualizala e poñer en marcha instrumentos efectivos para garantir o uso correcto e normalizado do galego na administración municipal".


Por todo o exposto, o Grupo Municipal Socialista somete á consideración do Pleno a adopción dos seguintes acordos:

1. Reafirmar o compromiso do Concello de Lalín coa defensa, promoción, uso e prestixio da lingua galega como lingua propia de Galicia e como parte esencial da identidade do noso municipio.

2. Impulsar o cumprimento efectivo da Ordenanza Municipal de Normalización Lingüística de Lalín, aprobada en 2015.

3. Iniciar un proceso de revisión e actualización da ordenanza para adaptala á realidade actual da administración municipal, incorporando melloras de maneira expresa ámbitos como a web municipal, a sede electrónica, as redes sociais, a comunicación dixital, a contratación pública, as empresas concesionarias, a sinalización e a atención cidadá.

4. Poñer en marcha ou reactivar de maneira efectiva o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Lalín, dotándoo das funcións e medios necesarios para asesorar aos departamentos municipais, revisar materiais públicos, resolver dúbidas lingüísticas e impulsar campañas de dinamización.

 PUBLICIDADE

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

5. Garantir que todas as campañas municipais, publicacións, carteis, notas informativas, anuncios, actividades públicas e comunicacións institucionais se realicen en galego correcto, sen prexuízo dos dereitos lingüísticos da cidadanía.

6. Revisar a sinalización municipal, a rotulación de edificios públicos, vehículos municipais, instalacións deportivas e espazos públicos para garantir o uso correcto do galego e da toponimia oficial.

7. Impulsar campañas municipais específicas de promoción do galego entre a mocidade, coa colaboración dos centros educativos, entidades culturais, deportivas e xuvenís.

8. Promover accións de apoio ao uso do galego no comercio local, na hostalaría, no tecido asociativo, no deporte e nas actividades culturais, desde unha perspectiva positiva, útil e non impositiva.

9. Procurar o maior consenso político e social arredor destas medidas, entendendo que a defensa do galego debe ser un compromiso compartido polo conxunto da Corporación e da sociedade lalinense.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page