O PSOE de Lalín denuncia que as probas físicas da Policía Local permitían correr 50 metros en 8 minutos
- ecosdacomarca

- 2 nov
- 2 Min. de lectura
“É unha chapuza esperpéntica”, sinalan os socialistas
Ecos da Comarca/Lalín
O PSdeG-PSOE de Lalín denuncia "unha nova chapuza no proceso de selección de tres prazas de Policía Local, logo de confirmarse que nas probas físicas se fixou por erro un tempo máximo de 7 minutos e 40 segundos para os homes e 8 minutos e 20 segundos para as mulleres para percorrer unha distancia de 50 metros lisos. O erro, que figura nas propias bases da convocatoria, converte a proba nun auténtico esperpento", segundo o partido socialista, "e volve poñer en evidencia a desorganización e a falta de control do goberno do PP no Concello de Lalín".
A secretaria xeral do PSOE lalinense, Alba Forno, cualificou o sucedido de “ridículo absoluto” e asegurou que “cando pensabamos que xa non se podía facer peor, o goberno de Crespo volve superarse e protagoniza un episodio que deixa o Concello en evidencia ante toda Galicia”. “Estamos a falar dun erro tan groso que non se pode xustificar. Ninguén precisa sete ou oito minutos para correr 50 metros. Isto é unha burla a todos os aspirantes que se prepararon en serio e unha mostra máis do caos que rodea este proceso”, denunciou Forno.

A dirixente socialista lembrou que o PSOE xa advertira "da falta de rigor durante o exame teórico, no que máis de 30 preguntas aparecían destacadas e coincidían casualmente coas respostas correctas". “Aquel escándalo obrigou a repetir a proba, con prexuízo para centos de opositores. E agora volvemos ver outra chapuza monumental nas probas físicas”, engadiu.
“O que está pasando é moi grave e evidencia un goberno local sen rumbo, cun alcalde a tempo parcial e uns concelleiros incapaces de organizar un proceso selectivo sen facelo mal”, subliñou.
Segundo explicou, varios aspirantes puxéronse en contacto co PSOE para trasladar a súa indignación e o sentimento de burla. “Contáronnos que durante as probas físicas celebradas en Ourense e en vista de que tiñan case 8 minutos algúns dicían entre risas que se podían facer o percorrido con paraugas porque sobraba o tempo. É unha situación que roza o absurdo”, apuntou Forno. “Esta era unha proba moi importante para o corte, pero evidentemente superárona todos”.
Ademais, denunciaron falta de medios e de previsión, con aspirantes lesionados e sen ambulancia dispoñible no momento das probas. “Non hai por onde collelo”, engadiu a secretaria xeral.
Publicidade
O PSOE de Lalín reclama a dimisión inmediata do Tribunal Calificador e a convocatoria dun novo proceso selectivo con todas as garantías, “para recuperar a credibilidade dunhas oposicións completamente desprestixiadas”.
Así mesmo, os socialistas insisten en que o Concello de Lalín debe delegar na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) a organización das futuras probas de selección, tal e como fan a inmensa maioría dos concellos galegos. “A AGASP dispón de persoal técnico, medios e experiencia para garantir procesos rigorosos e transparentes. Ademais, non supón ningún custo adicional para o Concello, só require a sinatura dun convenio que o goberno local se nega a formalizar”, explicou Forno. Este proceso está manchado por erros, improvisación e sospeitas de amaño. É hora de poñer orde, asumir responsabilidades”, concluíu.







Comentarios