top of page

O PSOE de Lalín denuncia a parálise do PP coa reversión do Vello Centro de Saúde

2 oct 2025
2 min de lectura

E alerta do risco de perda definitiva do edificio


Ecos da Comarca/Lalín

A voceira socialista no Concello de Lalín, Alba Forno, denunciou onte "a parálise absoluta do Goberno do PP nas xestións para a reversión do Vello Centro de Saúde ao Concello. A día de hoxe o Sergas aínda non lle devolveu o inmoble á Tesourería Xeral da Seguridade Social, polo que esta tampouco pode formalizar a súa cesión ao Concello".


“Estamos ante un novo fracaso do Goberno de Crespo, incapaz de poñer en marcha un proceso clave para que os veciños e veciñas de Lalín poidan recuperar un edificio que leva tempo abandonado e que podería ter un uso social moi importante”, critica Forno.

A socialista lembra que foi o PSOE quen xa en marzo de 2023 levou ao pleno unha proposta para iniciar canto antes as xestións coa Seguridade Social e coa Xunta de Galicia. “Naquel momento, Crespo cualificou a nosa proposta de chiste; despois dixo que se poñía mans á obra, pero en setembro de 2025 vemos que todo segue paralizado e que nin sequera se recuperou a titularidade por parte da Seguridade Social”, reprochou.


Forno incidiu en que, por lei, a Seguridade Social só pode recibir de volta o edificio en boas condicións estruturais, polo que será a Xunta quen terá que acometer as obras necesarias antes de proceder á súa devolución. “O Sergas non pode entregar en estado de ruína o que recibiu en bo estado, polo que este proceso esixirá investimentos que a Xunta non está a afrontar”, explica.


A voceira socialista advertiu de que, se o inmoble segue deteriorándose, pode acabar sendo irrecuperable: “Moito nos tememos que o único que se lle poida devolver ao Concello sexa unha parcela, porque pode sair máis caro arranxalo que derrubalo e levantar un edificio novo”.


Publicidade


Ademais, Forno subliñou que a única ferramenta legal dispoñible para que a Seguridade Social poida ceder o edificio ao Concello é a da adscrición, que se formaliza mediante acordo plenario e que permite unha cesión de uso por 50 anos prorrogables. “É unha figura que xa utilizaron outros concellos, como Nigrán, e que na práctica supón poñer o inmoble a disposición da veciñanza de Lalín para toda a vida”, explicou.


“O que falta é vontade política, o que sobra é parálise. O Goberno de Crespo está condenado a ser un goberno do abandono, que nin defende nin traballa polos intereses da veciñanza”, concluíu Forno.


Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

​

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page