O PSOE de Lalín demanda un Plan Municipal de Adaptación Climática, Sombra e acougos Climáticos
Ecos da Comarca/Lalín
O PSOE de Lalín levará ao vindeiro pleno un moción a través da cal demanda a elaboración dun plan de sombra, arborado e acougos climáticos para adaptar Lalín ao cambio climático.
Os socialistas sinalan que o cambio climático xa está a ter consecuencias sobre a nosa vida cotiá. O incremento das temperaturas e a maior frecuencia de episodios de calor extrema obrigan ás administracións públicas a adoptar medidas para adaptar os nosos
municipios a unha realidade climática que xa está aquí. Os concellos teñen unha responsabilidade fundamental nesta adaptación, especialmente na maneira de deseñar, transformar, manter e utilizar os espazos públicos. As rúas, prazas, parques e zonas de lecer deben estar preparados para poder ser utilizados durante todo o ano e ofrecer condicións adecuadas de confort e seguridade tamén durante os períodos de altas temperaturas.

"Esta adaptación non pode limitarse a actuacións puntuais. Debe converterse nun criterio transversal da planificación urbana de Lalín. Todas as actuacións urbanísticas, obras públicas, humanizacións ou reformas de espazos públicos que desenvolva o Concello deberían incorporar criterios de adaptación ao cambio climático, incremento do arborado, creación de sombra, permeabilidade do solo, presenza de auga e mellora do confort térmico", recalca e engade que "Lalín dispón de numerosos parques, prazas e espazos públicos que son utilizados diariamente pola veciñanza. Porén, en determinados momentos do ano, especialmente durante os episodios de calor, algúns destes espazos presentan unha importante carencia de sombra e protección fronte ao sol".
Apunta o PSOE que un exemplo evidente é a Praza Europa, un espazo especialmente utilizado por familias e nenos e nenas, pero que durante boa parte das horas centrais dos días de verán resulta pouco confortable pola ausencia de arborado e zonas de sombra.
"Espazos públicos destas características deben ser repensados para que poidan ser
utilizados durante todo o ano e por persoas de todas as idades. O arborado debe desempeñar un papel fundamental nesta transformación. Necesitamos máis árbores nas rúas, prazas e parques de Lalín, seleccionando especies adecuadas ás condicións do noso territorio e garantindo tamén o seu correcto mantemento. As árbores proporcionan sombra, contribúen a reducir a temperatura, melloran a calidade ambiental e fan os espazos públicos máis agradables".
Ademais, resalta que "deben estudarse actuacións como a instalación de pérgolas, cubertas, estruturas de sombra, toldos ou outras solucións arquitectónicas, sempre
deseñadas de maneira integrada coa contorna, respectando a estética dos espazos e evitando impactos visuais innecesarios. O obxectivo non debe ser cubrir indiscriminadamente os parques e prazas, senón analizar cada espazo e buscar a solución máis axeitada para conseguir que poidan seguir sendo utilizados e gozados pola cidadanía tamén nos días de calor. Esta filosofía debería aplicarse tamén aos novos proxectos urbanísticos previstos para os próximos anos".
Desde o PSdeG-PSOE consideran, por exemplo, que a denominada polo goberno como Gran Praza de Lalín "debería servir para que no centro da vila haxa un verdadeiro espazo verde de referencia, con abundante arborado, sombra, zonas verdes, presenza de auga e espazos de descanso e convivencia. Un verdadeiro pulmón verde no corazón de Lalín".
PUBLICIDADE
Así mesmo, salienta que Lalín tamén "dispón de fontes públicas que forman parte do noso patrimonio e da nosa vida cotiá, pero algunhas delas non están actualmente en funcionamento. Ademais, existen zonas nas que sería conveniente contar con novos puntos de acceso a auga potable. É necesario, polo tanto, realizar unha revisión do estado das fontes existentes, proceder á recuperación e posta en funcionamento daquelas que sexa viable manter e estudar a instalación de novas fontes e puntos de auga en parques, prazas e zonas de maior afluencia".
Estas actuacións, puntualiza, "non deben entenderse unicamente como medidas para combater a calor. Dispoñer de parques con sombra, fontes funcionando, máis arborado e espazos públicos agradables significa tamén mellorar a calidade de vida, favorecer a convivencia e fomentar o uso do espazo público. A adaptación climática debe prestar especial atención, ademais, ás persoas máis vulnerables fronte ás altas temperaturas: persoas maiores, infancia, persoas con problemas de mobilidade e outros colectivos que poden sufrir con maior intensidade os episodios de calor extrema".
Neste sentido, considera o PSOE que "resulta necesario avanzar na creación dunha Rede de Acougos Climáticos de Lalín, aproveitando equipamentos municipais e outros espazos
públicos que poidan ofrecer condicións adecuadas de protección e confort durante os episodios de temperaturas extremas. Esta rede debe estar acompañada dunha adecuada información e sinalización para que a cidadanía coñeza onde pode acudir nos días de maior calor".
Por iso, desde o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE cren necesario que o Concello de Lalín elabore un Plan Municipal de Adaptación Climática, Sombra e acougos Climáticos, que permita analizar a situación actual, detectar as necesidades existentes e establecer unha planificación das actuacións que deben realizarse nos próximos anos.
PUBLICIDADE
Acordos
A través desta moción, os socialistas propoñen os seguintes acordos:
1. Instar ao Concello de Lalín a elaborar un Plan Municipal de Adaptación Climática, Sombra e Acougos Climáticos, que estableza unha planificación global das actuacións necesarias para adaptar os espazos públicos do municipio aos efectos das altas temperaturas e do cambio climático.
2. Que o Plan realice un diagnóstico dos parques, prazas, rúas e demais espazos públicos do municipio e estableza actuacións para incrementar o arborado e as zonas verdes, crear e mellorar espazos de sombra e, cando sexa necesario, incorporar pérgolas, cubertas, estruturas de sombra ou outras solucións arquitectónicas integradas na estética e características de cada espazo.
3. Incorporar criterios de adaptación ao cambio climático en todas as novas actuacións urbanísticas e obras públicas municipais, especialmente nas humanizacións, reformas de prazas e parques e creación de novos espazos públicos, priorizando o arborado, a sombra, as zonas verdes, a permeabilidade do solo e o confort térmico.
4. Que o Concello realice unha revisión do estado das fontes públicas existentes, procedendo á súa reparación e posta en funcionamento cando sexa viable, e que o Plan contemple a instalación de novas fontes e puntos de acceso a auga potable nos parques, prazas e zonas de maior afluencia, especialmente naqueles espazos con maior exposición ás altas temperaturas.
5. Crear unha Rede Municipal de Refuxios Climáticos, aproveitando os equipamentos e espazos públicos existentes e incorporando progresivamente novos espazos, establecendo criterios de localización, accesibilidade, sinalización e información á cidadanía, con especial atención ás persoas e colectivos máis vulnerables fronte ás altas temperaturas.









Comentarios