O PSOE de Lalín demanda máis prazas nas escolas infantís e crear unha de titularidade municipal
- ecosdacomarca
- hace 1 día
- 3 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Lalín
O PSOE de Lalín presentará no vindeiro pleno unha moción a través da cal demándalle á Xunta de Galicia máis prazas nas escolas infantís deste municipio e tamén lle pide ao Concello que cree unha escola infantil de titularidade municipal.

As escolas infantís son un dos primeiros espazos de socialización fóra do ámbito familiar dos cativos e cativas, que desenvolven o seu labor no primeiro ciclo de vida desde os 0 aos 3 anos. Son, ademais, un eixo fundamental para a ansiada “conciliación” que permite a compaxinar a vida laboral dos proxenitores coa vida familiar. Do mesmo xeito, as políticas en materia de conciliación axudan a fomentar a natalidade e a asentar poboación. Segundo o Artigo 3 da Lei 13/2008 do 3 de decembro de Servizos Sociais de Galicia, un dos obxectivos do Sistema Galego de servizos sociais é proporcionar oportunidades e recursos que garantan a igualdade entre homes e mulleres e posibiliten a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral. Do mesmo xeito, segundo o Artigo 49.1 da Lei 5/2021 do 2 de febreiro de impulso demográfico de Galicia, a Administración autonómica garantirá a calidade e o carácter inclusivo dos recursos de educación infantil de 0 a 3 aos e avanzará na súa universalización e gratuidade, promovendo unha dotación suficiente de prazas e recursos para facer efectivo o acceso a toda a poboación a esta etapa educativa, tal e como recalcan os socialistas.
"Nos últimos anos vemos como as prazas ofertadas nas escolas infantís públicas do noso Concello se antollan escasas á vista das familias que quedan sen praza en lista de agarda nas escolas da rede Galiña Azul dependentes do Consorcio galego de Servizos de Igualdade e Benestar existentes no Concello de Lalín: a do Polígono 2000 e a do Pontiñas. No ano 2022 a Xunta de Galicia fixo gratuíta a atención educativa para tódolos nenos e nenas nas escolas infantís da comunidade, unha medida que na práctica non é suficiente dado que as familias non logran obter praza en ningunha escola infantil pública nin privada, como acontece en Lalín. Sen ir máis lonxe, cara ao curso 2025-2026, quedaron en lista de agarda de maneira provisional 40 nenos e nenas", lamentan.
Este déficit é especialmente grave, apuntan, "tendo en conta que, segundo se fixo público recentemente, a Xunta de Galicia perdeu 22 millóns de euros de fondos europeos que estaban destinados precisamente á creación de prazas públicas de educación infantil. Esta perda de financiamento representa unha oportunidade desperdiciada para mellorar a oferta educativa en concellos como Lalín, onde a demanda está claramente por riba da oferta dispoñible".
Publicidade
Desde o Partido Socialista de Lalín cren que estes son motivos suficientes para que a Corporación Municipal traslade en conxunto á Xunta de Galicia a necesidade de aumentar as prazas nas escolas infantís da súa titularidade, "co fin de que a educación dos nosos nenos e nenas sexa universal. Do mesmo xeito, consideramos que as políticas activas de natalidade e conciliación deben ser unha absoluta prioridade para un concello coma o noso ante a ameaza da perda de poboación e a consecuente perda de recursos".
Por iso, co fin de cubrir a demanda existente de prazas nas escolas infantís públicas e ofrecer alternativas de conciliación suficientes, "tanto para os nosos veciños e veciñas, como para atraer familias doutras zonas, consideramos moi positiva a creación dunha escola infantil pública de titularidade municipal, como teñen outros concellos da contorna. Este proxecto convertería o noso concello nunha referencia en materia de conciliación e axudaría tamén á creación de emprego de calidade, mediante a selección de persoal para dita escola infantil por parte do Concello".
Publicidade
En vista dos datos postos de manifesto o Grupo Municipal Socialista propón ao Pleno do
Concello a adopción do seguinte acordo:
1. Solicitarlle á Xunta de Galicia a ampliación de prazas ofertadas nas escolas infantís dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar deste municipio
para cubrir a demanda existente.
2. Instar ao goberno local á creación dunha Escola Infantil de titularidade municipal.
Comments