O PSOE de Lalín creará unha empresa municipal de benestar social para xestionar o SAF
Ademais, abrirá máis prazas de traballadores sociais municipais
Ecos da Comarca/Lalín
O Benestar Social será unha das prioridades para o equipo socialista de Alba Forno. Por
iso, entre as medidas para mellorar esta área, propoñen a creación dunha Empresa
Municipal de Benestar social que xestionará os servizos de dependencia, coma o Servizo
de Axuda no Fogar, que será remunicipalizado.

Dende o grupo socialista, Luz Iglesias, concelleira e membro da candidatura, lembra que “nestes catro anos perdeuse calidade nos servizos de benestar social, causando un gran
caos no SAF, un servizo que consideramos primordial para a veciñanza e que precisa ter
unha gran xestión para que funcione ben e non haxa caos tanto por parte do persoal
coma das persoas que o solicitan”. Sinalan "que sufriu un grande abandono por parte do
Partido Popular, pero isto non pode seguir, porque as persoas que o solicitan fano por
necesidade e é fundamental para moitas familias que precisan conciliar a súa vida co
coidado de persoas dependentes”. Aclaran que a empresa municipal tamén terá
competencia no servizo de conciliación.
Por outra banda, dende o PSOE lanzarán a libre elección dun traballador/as social, logo
da reordenación do grupo de traballadores axustado as necesidades reais do Concello. “Será fundamental organizar o Servizo Municipal de Benestar Social, e para iso
dotaremos o mesmo dunha xefatura de servizo e crearemos máis prazas de traballadores
sociais municipais, porque actualmente quedan escasos e é un servizo que precisa
atención”, aclara a concelleira.
Dende o PSOE lembran que no goberno de coalición se creou o Consello Municipal de
Benestar Social, “que supuxo un grande avance na coordinación entre os diferentes
actores do eido social do concello, pero precisa dun gran pulo e dunha estrutura estable e
que estea en pleno funcionamento”. Así mesmo, sinalan que o concelleiro/a responsable
da área contará cun traballador/a munucupal como responsable das convocatorias e
seguimento do mesmo, “para que haxa unha maior coordinación no mesmo”.
Estas medidas de benestar social súmanse as xa presentadas para facilitar a conciliación
familiar, como é a creación do espazo de conciliación e da Escola Municipal Infantil (de 0
a 3 anos) nos terreos do actual centro de saúde, que se solicitará que sexan revertidos ao
Concello, unha vez que produza o traslado dos servizos sanitarios ao CIS.










Comentarios