top of page

O PSOE de Lalín acusa a Crespo "de perder fondos para reparar danos nas pistas e infraestruturas"

Alba Forno lamenta que o Concello non solicitase as axudas extraordinas do Goberno de España que permitirían actuar en vías moi deterioradas causadas polos temporais


Ecos da Comarca/Lalín

O PSdeG-PSOE de Lalín acusou ao alcalde, José Crespo, "de deixar escapar as axudas extraordinarias do Goberno de Pedro Sánchez que permitirían facer fronte aos danos causados polos temporais do inverno e mellorar o estado das pistas e infraestruturas municipais danadas".

Sinalan que o Concello de Lalín non figura entre os municipios que solicitaron estas axudas extraordinarias a través da Subdelegación do Goberno, destinadas á reparación de servizos públicos e vías afectadas polas intensas choivas dos últimos meses.


A secretaria xeral e voceira municipal socialista, Alba Forno, cualifica esta situación como “unha oportunidade perdida para actuar sobre un dos principais problemas do municipio”.

“Estamos a falar de fondos que servirían para reparar quilómetros de pistas, para actuar sobre infraestruturas e servizos deteriorados e para dar resposta ás demandas da veciñanza e Lalín quedou fóra  porque non fixeron un traballo tan sinxelo como é valorar os danos e enviar unha solicitude de axuda á Subdelegación”. 

 Publicidade

Preme para obter máis información.
Preme para obter máis información.

Forno advertiu de que esta situación “reflicte unha falta de xestión preocupante, tendo en conta que o Concello conta con multitude de asesores e concelleiros con dedicacións excluivas que deberían ser suficientes para tramitar este tipo de convocatorias, pero nin se molestaron en pedir a axuda como si fixeron concellos moito máis pequenos e con menos recursos como Rodeiro”. “O Concello ten recursos, ten persoal e ten responsabilidade. O que falta é estar ao que hai que estar e priorizar os problemas reais da xente”, afirmou.


A voceira socialista apuntou tamén á responsabilidade política do alcalde, afirmando que “Lalín necesita un alcalde a tempo completo, centrado no seu concello e en aproveitar todas as oportunidades que permitan mellorar o día a día da veciñanza”.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar con nós!
Preme na imaxe para contactar con nós!

Desde o PSdeG lembran que o estado de moitas pistas, tanto no casco urbano como no rural, é unha das principais preocupacións da cidadanía e que estas axudas eran unha ferramenta útil”. “Non aproveitar estes fondos significa menos investimentos e máis problemas sen resolver”, subliñou Forno, ao tempo que lamentou que “a Xunta e a Deputación non poñan un céntimo para axudar aos concellos a afrontar os danos dos temporais e teña que vir ao rescate o Goberno de Pedro Sánchez”.


Os socialistas anuncian que pedirán explicacións no próximo pleno para coñecer os motivos polos que non se solicitou esta liña de axudas e quen é o responsable de que Lalín perda estes recursos.




Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page