O PSOE de Lalín pide que se tomen medidas contra as plantacións de eucalipto nos Sobreirais do Arnego
- ecosdacomarca
- 21 mar
- 3 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Lalín
O PSOE de Lalín levará ao vindeiro pleno unha moción sobre a substitución de bosque autóctono por eucaliptais nos sobreirais do Arnego.
O concello de Lalín, indica, conta con dous espazos naturais protexidos pola Rede Natura 2000: o Candán e os Sobreirais do Arnego. Estes espazos representan un importante patrimonio ambiental e turístico, destacando especialmente os Sobreirais polo seu alto valor ecolóxico, sendo un dos mellores exemplos de bosques de sobreiras (Quercus suber) de Galicia, cun ecosistema singular que combina a presenza destas árbores autóctonas con outras especies propias dos bosques atlánticos. "Os Sobreirais do Arnego constitúen un espazo de gran interese ambiental pola súa biodiversidade e a conservación de especies autóctonas, ademais de ter un gran potencial turístico para o noso concello. O Concello de Lalín, consciente deste valor, impulsou durante a época do goberno de coalición diversas medidas de dinamización turística, tales como a sinalización de rutas e a
promoción de actividades de sendeirismo a través de Roteiros de Lalín, co obxectivo de dar a coñecer e poñer en valor esta zona protexida", subliñan os socialistas.

Porén, nos últimos meses, apuntan, "veñen transcendendo actuacións que atentan gravemente contra este espazo natural. Organizacións ecoloxistas, como Adega, denunciaron publicamente a substitución de aproximadamente 6 hectáreas de monte autóctono por plantacións de eucalipto nas contornas das parroquias de Palio e Rodís, en pleno territorio da Rede Natura 2000. Segundo informacións publicadas na prensa local, existen 7 denuncias por plantacións irregulares na zona, pero pasan os meses e, a día de hoxe, non consta que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, tomase medidas efectivas para deter estas prácticas irregulares, mentres as plantacións seguen aumentando de maneira impune".
Ademais, indican que a chamada "moratoria do eucalipto", impulsada pola Xunta para frear a expansión desta especie, demostrou ser completamente ineficaz. "Segundo os últimos datos dispoñibles, a moratoria non conseguiu evitar que continúe a proliferación de eucaliptais, ante a pasividade do Goberno galego. Por outra banda, proxectos promovidos pola propia Xunta, como a factoría de fibras téxtiles de Altri, non fan máis que incentivar o crecemento da eucaliptización en Galicia, poñendo en risco a biodiversidade e promovendo un modelo forestal baseado en especies de crecemento rápido e escaso valor ambiental".
"Cómpre subliñar que o Grupo Municipal Socialista de Lalín entende e recoñece o peso que o sector forestal e o cultivo de eucalipto teñen na economía galega. Porén, defendemos que o aproveitamento desta especie debe facerse de maneira responsable e ordenada, evitando impactos negativos en espazos protexidos e compatibilizando o desenvolvemento económico coa conservación do medio natural". Apuntan que as plantacións nos Sobreirais do Arnego vulneran a lexislación vixente, que prohibe a introdución de especies alóctonas en espazos protexidos:
1. Lei 42/2007, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade, que establece a obriga de conservar os hábitats naturais e evitar a introdución de especies invasoras.
2. Decreto 37/2014, polo que se regula a Rede Natura 2000 en Galicia, que determina a prohibición de transformación de hábitats autóctonos en espazos protexidos.
3. Lei 7/2012, de Montes de Galicia, que prohibe a substitución de masas forestais autóctonas por especies de crecemento rápido en áreas protexidas.
Publicidade
"Cabe lembrar que, hai anos, a Xunta de Galicia puxo en marcha liñas de axuda destinadas á eliminación de eucaliptais en espazos da Rede Natura 2000 co obxectivo de restaurar os hábitats naturais e mellorar a conservación dos ecosistemas protexidos. Non obstante, estas axudas non se renovaron. Por iso, resulta fundamental que a Xunta recupere e amplíe estas liñas de apoio para favorecer a restauración dos espazos afectados e previr novas plantacións ilegais. A proliferación de eucaliptais en zonas naturais de alto valor como son os Sobreirais do Arnego, non só supón unha grave ameaza para o ecosistema autóctono, senón que tamén compromete o valor turístico e paisaxístico deste enclave natural, prexudicando os esforzos realizados polo concello para potenciar o aproveitamento sostible da zona".
En vista do exposto o Grupo Municipal Socialista propón ao Pleno do Concello a adopción do seguinte acordo:
1. Solicitarlle á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia que tome as medidas oportunas co fin de deter as plantacións ilegais de eucalipto no espazo natural da Rede Natura 2000 "Sobreirais do Arnego".
2. Reclamar á Xunta de Galicia que recupere e amplíe as liñas de axuda para a eliminación de eucaliptais en espazos da Rede Natura 2000, co fin de garantir a conservación dos hábitats naturais e frear a proliferación de especies invasoras.
Comments