O PSOE cuestiona o contrato de demolición das casas da Gran Praza que "se lle concedeu a dedo a un arquitecto vinculado ao PP"
- ecosdacomarca

- 26 ago 2025
- 2 min de lectura
Ecos da Comarca/Lalín
O PSOE de Lalín cuestiona que se adxudique "a dedo o contrato de redacción do proxecto de demolición das casas da gran praza ao arquitecto Alfredo Díaz Grande, quen fora coordinador do concurso de ideas da Cidade da Cultura e fortemente vinculado ao PP". “O Goberno de Crespo rexeitou dúas ofertas de Lalín por conceder este contrato a unha persoa de Pontevedra”, lamentan dende o grupo municipal.

Os socialistas sinalan que o montante polo que se concedeu o contrato é tres veces menor
aos outros dous presentados: “As cifras falan por si soas, mentres as ofertas solicitadas ás dúas empresas de Lalín rondaban os 15.000 euros, ao arquitecto ao que se lle adxudicou
non chega aos 4.000 euros. Cando menos, son cifras alarmantes”, subliñan. Por isto,
sinalan que estarán vixiantes con este contrato e pendentes de se cumpre con todas as
garantías, “porque dende logo chama moito a atención”.
Publicidade
Lamentan estar “unha vez máis” ante unha manobra do Partido Popular para “beneficiar
ás súas amizades, poñendo por riba os intereses partidistas aos da veciñanza e deixando
as dúas ofertas locais fóra". “Somos coñecedores de que a legalidade obriga a adxudicar o contrato á oferta más vantaxosa, pero as cifras son mostra de que se trata dun dos seus
manexos, e máis se rebuscas un pouco no nome de Alfredo Díaz Grande”.
Publicidade
O grupo socialista cuestiona tamén se é o momento preciso para poñerse a facer esta
obra “faraónica de Crespo, e endebedar máis ao Concello de Lalín". Di que o casco urbano
quedará sen unha parte da súa historia, “xa que son das poucas vivendas antigas que
quedan en pé”, e afirma que este derribo é unha mostra máis de como son as políticas do
PP de Lalín: “Priorizar proxectos que ninguén pediu, gastar os cartos neles e deixar
servizos básicos sen cubrir ou en mínimos. Todo isto por beneficiar ás persoas vinculadas
coa cúpula do PP”.








Comentarios