O PSOE acusa ao PP de "xerar polémica falsa" sobre a supresión da parada de autobús estatal en Lalín
- ecosdacomarca
- hace 7 minutos
- 2 Min. de lectura
Celebra que o Goberno de Pedro Sánchez blinde as paradas de autobús no rural e denuncia "a incoherencia do PP de Crespo, que votou en contra da lei que as garante"
Ecos da Comarca/Lalín

O PSdeG de Lalín celebrou a aprobación no Congreso dos Deputados da Lei de Mobilidade Sustentable, promovida polo Goberno de España, que blinda por lei as paradas de autobús de competencia estatal, como a de Lalín, garantindo a súa continuidade e dando servizo ás zonas rurais. A portavoz socialista Alba Forno salientou “o Goberno de Pedro Sánchez pon así fin a meses de manipulación e confrontación promovidos por Crespo e polo PP”, que utilizou a posible reordenación das liñas estatais “para crear medo e crispación entre a cidadanía”. “O Goberno cumpre e mantén as paradas nos municipios rurais, mentres o PP, despois de facer todo o ruído posible, vota en contra dunha lei que precisamente as protexe. É o colmo da incoherencia e da política do engano”, afirmou Forno.
A concelleira denunciou tamén que a Xunta de Galicia "nin sequera respondeu á proposta
do Ministerio de Transportes para asumir a xestión destas paradas en Galicia". O goberno
ofreceulle esta posibilidade “pero cando tiveron a oportunidade de implicarse e xestionar
directamente as paradas, fixeron o de sempre: mirar para outro lado”, engadiu.
Publicidade
Forno lembrou, con todo, que o autobús de longa distancia entre Lalín e Madrid foi utilizado por menos dunha persoa ao día no último ano, mentres que as liñas intermunicipais e interparroquiais que dependen da Xunta “e que eran utilizadas cada día
por centos de lalinenses se recortaron á metade”. “As conexións que de verdade precisa a
veciñanza de Lalín, as que unen as parroquias co casco urbano ou cos concellos da
contorna foron suprimidas ou reducidas ao mínimo pola Xunta, e aí Crespo calou, non dixo
nada, porque cando o problema é responsabilidade do seu partido, desaparece”,
lamentou.
A portavoz socialista insiste ademais na necesidade de mellorar as conexións por autobús
entre Lalín e Ourense para favorecer o uso do AVE. Sinala que cada vez máis xente usa o
tren de alta velocidade “e o que necesitamos agora é que o horario dos buses se coordine
cos do AVE”. Subliñou que a mellora destas frecuencias foi aprobada polo pleno a proposta socialista “pero non temos nova de que se fixese ningunha xestión” concluíu Forno.