O PSdeG-PSOE de Lalín reivindica o legado de Manuel Ferreiro e Manuel González Aller
- ecosdacomarca

- hace 12 minutos
- 3 min de lectura
A XXIII Xuntanza Manuel Ferreiro recoñeceu tamén a Jesús Odilo Trabazo, pola súa traxectoria socialista e o seu compromiso con Lalín, e a Gerardo, sobriño de Laxeiro
Ecos da Comarca/Lalín
A voceira do PSdeG-PSOE de Lalín, Alba Forno, reivindicou este sábado o legado de Manuel Ferreiro e Manuel González Aller como referentes do socialismo lalinense e asegurou que continuará o traballo iniciado por ambos. “Foron dous referentes para nós, os socialistas de Lalín, e traballarei por seguir adiante co seu legado”, afirmou durante a XXIII Xuntanza Manuel Ferreiro.
O PSdeG-PSOE de Lalín celebrou este sábado esta xuntanza anual de homenaxe ao
alcalde socialista Manuel Ferreiro, asasinado en 1936, e de recoñecemento a persoas que contribuíron, desde diferentes ámbitos, á vida social, política e cultural do municipio.

A xuntanza foi aberta polo secretario xeral provincial do PSdeG-PSOE de Pontevedra, David Regades, quen destacou a relevancia de que Alba tomase as rendas do
socialismo lalinense, “máis tendo referentes como os que hoxe se reivindican aquí”. Ademais, manifestou a urxencia de que haxa unha alcaldesa socialista en Lalín, para
“deixar atrás a crispación”. Regades foi o encargado do recoñecemento a Gerardo
Otero, sobriño de Laxeiro, quen estivo nesta xuntanza cada edición.
Posteriormente, a concelleira María Luz Iglesias foi a encargada de entregar o galardón a Jesús Odilo Trabazo, nunha intervención na que combinou o vínculo persoal coa reivindicación da súa traxectoria socialista. Iglesias lembrou a figura de Odilo como unha persoa cunha enorme curiosidade e capacidade para aprender, reflexionar e formar o seu propio criterio, pero tamén como alguén que sempre entendeu que todas as persoas deben ter as mesmas oportunidades, independentemente da súa orixe, do seu sexo ou das súas circunstancias.
PUBLICIDADE
A súa intervención puxo especialmente en valor o compromiso de Odilo co socialismo desde os primeiros anos da democracia en Lalín, cando se implicou na defensa duns ideais e na construción dun proxecto colectivo no concello. Iglesias lembrou tamén a súa vinculación cos primeiros pasos da Feira do Cocido, unha das iniciativas que quedaron ligadas á súa traxectoria e á historia recente de Lalín.
Nesta edición fíxose un recoñecemento ao legado de Manuel María González Aller pola súa traxectoria profesional, socialista e persoal. “Manolito é unha persoa que, dende a medicina, dende a política, dende o deporte e dende tantos outros ámbitos, sempre tivo esa vontade de axudar e de facer comunidad”, reivindicou a voceira socialista Alba Forno, e engadiu que “iso, ao final, é tamén unha forma de facer política”.
Así, a voceira socialista de Lalín, Alba Forno, pechou o acto reivindicando o valor dos referentes e do legado recibido de xeracións anteriores do socialismo lalinense. Forno situou a Manuel Ferreiro e Manuel González Aller como dúas figuras de referencia para o PSdeG-PSOE de Lalín, unidas por unha mesma maneira de entender a política como compromiso coas persoas e coa sociedade.
PUBLICIDADE
No caso de Ferreiro, Forno reivindicou a súa memoria como exemplo de defensa da democracia, a liberdade e a igualdade nun momento no que defender eses valores
podía custar a propia vida. No caso de González Aller, destacou unha traxectoria de compromiso coa medicina, coa política, co socialismo e co deporte, así como a súa
capacidade para contribuír á creación de comunidade en Lalín.
A voceira socialista asegurou que estes referentes supoñen tamén unha responsabilidade para quen hoxe continúa o proxecto socialista no municipio. “A miña intención é seguir co traballo que comezaron. Foron dous referentes para nós, os socialistas de Lalín, e eu durante os últimos anos pretendín seguir adiante co seu legado, e seguirei facéndoo”, afirmou.








Comentarios