O PSdeG de Lalín alerta "do abandono continuado á Praza de Abastos tras máis de 15 días sen limpeza"
- ecosdacomarca

- hace 3 horas
- 2 Min. de lectura
Forno sinala que “este tipo de situacións non son puntuais, senón unha mostra máis da falta de coidado do goberno de Crespo cara un espazo que debería ser central"
Ecos da Comarca/Lalín
O PSdeG-PSOE de Lalín denuncia o "estado de abandono continuado que sofre a Praza de Abastos, despois de que os praceiros alertasen de que levan máis de 15 días sen servizo de limpeza, unha situación que está a afectar ás condicións do espazo e a xerar preocupación entre os comerciantes".

A voceira socialista, Alba Forno, sinala que “este tipo de situacións non son puntuais, senón unha mostra máis da falta de coidado do goberno de Crespo cara un espazo que debería ser central na vida de Lalín”. Forno indica que "a Praza de Abastos debería ser un punto de encontro, un motor do comercio de proximidade e un símbolo da vida da vila, pero hoxe está no seu peor momento, sen limpeza e sen atención suficiente”.
Desde o PSdeG lembran que esta situación prodúcese nun contexto no que a praza leva anos perdendo actividade, con cada vez menos postos e menos vida. “O que debería ser un espazo vivo está hoxe en mínimos e iso é consecuencia directa da falta de planificación e de apoio ao comercio local por parte do goberno de Crespo”, apunta.
PUBLICIDADE

Os socialistas consideran especialmente grave que nin sequera se estea garantindo o mantemento básico do espazo e lembran que “a limpeza é o mínimo, porque coidar a praza é coidar ás persoas que traballan nela e ás que mercan cada día”.
Neste sentido, o PSdeG lembra que o Concello perdeu unha oportunidade histórica para revitalizar a Praza de Abastos ao deixar escapar unha axuda de máis de 1,13 millóns de euros de fondos europeos do Goberno central destinada á súa reforma integral. “Non só se perdeu ese investimento histórico”, salienta Forno, "senón que o Concello tivo que devolver 65.000 euros en intereses, cartos de todos os lalinenses, por non ser capaces de executar o proxecto en prazo”.
Publicidade
Os socialistas sinalan que esta situación evidencia "unha falta de planificación que segue tendo consecuencias no presente, pois perdeuse unha oportunidade para darlle futuro a unha praza que hoxe está en estado crítico e nin sequera se está coidando no día a día”. Ante isto reclaman ao goberno do PP que actúe de maneira inmediata para garantir a limpeza e o mantemento da Praza de Abastos. “Cando un Concello deixa morrer a súa praza de abastos, non está abandonando só un edificio, está deixando caer unha parte da súa identidade e iso é o que non podemos permitir”, conclúe.







Comentarios