Inicia a súa actividade neste municipio con seis persoas usuarias, podéndose ampliar ata un máximo de dez
Laura Moure/Melide
A Xunta de Galicia segue aumentando o número de persoas usuarias do programa Comer na casa coa súa entrada en servizo en Melide. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o alcalde deste municipio coruñés, José Manuel Pérez, asistiron hoxe á posta en funcionamento desta iniciativa, da que se benefician seis veciñas e veciños melidaos.
Perfecto Rodríguez destacou que a través do Comer na casa achégase aos domicilios unha dieta equilibrada, de calidade e axustada ás necesidades de cada persoa usuaria. Así mesmo, apuntou que este programa desenvólvese en coordinación cos servizos sociais municipais, o que permite realizar unha labor de prevención e vixilancia da situación destas persoas, posto que a repartición de comidas supón manter con elas un contacto regular.
Esta mesma semana comezou a distribución de comidas nas vivendas das seis persoas de Melide que actualmente son usuarias deste servizo, ampliable ata un máximo de dez, segundo o convenio de colaboración subscrito entre a Administración autonómica e a local. O prezo de cada menú diario é de 6,60 euros, dos que a Xunta achega 3,08; o Concello, 1,76; e a persoa usuaria, outros 1,76 euros.
Este programa social está dirixido a persoas maiores e en situación de dependencia. Aténdense os casos de maneira individualizada e profesional, permitindo manter unha dieta equilibrada e saudable, ademáis de facilitar un respiro ás familias e coidadores na conciliación. Os veciños interesados no servizo teñen que poñerse en contacto cos Servizos Sociais do Concello a través do teléfono 981 505 706 para realizar a súa tramitación.
Máis de 1.600 beneficiarios
O programa Comer na casa chega, a día de hoxe, a máis de 1600 persoas de 185 concellos e a través deste servizo repártense máis de 45.200 comidas cada mes. O Goberno galego inviste ao redor de 2,3 millóns de euros anuais nesta iniciativa.
O programa Comer na casa chega tamén a Melide.
コメント