O PP reitera ao Ministerio de Transportes a esixencia de mellora inmediata das N-525, N-640 e N-541
- ecosdacomarca
- 28 feb
- 3 Min. de lectura
Os populares, que xa cursaron esta demanda hai un ano, levarán hoxe ao pleno da Deputación de Pontevedra unha nova moción con esta solicitude
Ecos da Comarca/Deza
O PP Provincial de Pontevedra vai reiterar ante o Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible a súa esixencia para que se proceda á mellora inmediata e integral de todas as estradas nacionais da provincia e con especial fincapé nos 125,5 quilómetros das tres vías estatais que percorren as bisbarras de Deza e Tabeirós-Terra de Montes Así, os populares van levar hoxe ao pleno da Deputación de Pontevedra correspondente ao mes de febreiro unha moción na que volverán a insistir nesta “xusta, imprescindible e necesaria” demanda, que inclúe específicamente a modernización completa e a mellora da seguridade viaria nas estradas N-525, N-640 e N-541
En concreto, estas tres estradas nacionais destas dúas comarcas do interior pasan polos municipios de Dozón, Lalín, Silleda, A Estrada, Agolada, Forcarei e Cerdedo-Cotobade e acollen diariamente a máis de 18.000 usuarios, segundo os datos oficiais de Intensidade Media Diaria (IMD).
O PP Provincial xa cursou esta mesma demanda hai exactamente un ano, en marzo de 2024, e a mesma saíu aprobada tamén co apoio do grupo provincial do BNG, “polo que, ante o pésimo e perigoso estado destas vías estatais, o unánime clamor social e cidadá para o seu arranxo e a inacción e abandono do Goberno de España durante estes doce meses, vémonos na obriga de reiterala para seguir defendendo os intereses dos pontevedreses”, manifestou a deputada popular Belén Cachafeiro, que agarda que os socialistas “tamén se sumen a este acordo en defensa da provincia e deixen, dunha vez por todas, o seguidismo ás políticas do PSOE de Madrid a prol exclusivamente de Cataluña”.

A tamén responsable provincial de Infraestruturas explicou que, ao longo do último ano, apenas se fixo un arranxo insuficiente de menos de dous quilómetros na N- 541 e se comezou coa obra da curva de Trasmañó na N-552, así como algúns bacheos máis propias de pistas rurais de que de vías estatais de alta capacidade.
Paralelamente, lamentou que sigan os “anuncios publicitarios” do delegado e do subdelegado do Goberno, Pedro Blanco e Abel Losada, “que non teñen data nin orzamento e que finalmente quedan en nada, como os 4 millóns de euros para a N-541 que levamos tres anos agardando en Forcarei, a malísima situación da N- 525 en Lalín e Silleda e da N-640 na Estrada, que ata motivou solicitudes de mellora dos grupos municipais de PSOE e BNG, e o vergoñento estado do tramo da N-640 entre Lalín e Agolada, que é o peor da provincia e posiblemente de toda Galicia”
Belén Cachafeiro lembrou que hai un “enorme e crecente malestar cidadá” co estado das estradas nacionais da provincia, que están cheas de grandes fendas e fochancas, irregularidades na plataforma, sinuosidade nas curvas, graves problemas de visibilidade e incontables eivas na sinalización horizontal e vertical, entre moitas outras deficiencias, e engadíu que a súa situación “segue empeorando a pasos axigantados día tras día converténdose nun auténtico perigo para milleiros de condutores mentres o Goberno de España chega ao seu sétimo ano cuns investimentos entre pírricos e inexistentes”.
“O do PSOE en xeral e o de Madrid en particular coa provincia de Pontevedra é unha auténtica vergoña, pero a súa xestión no caso das estradas nacionais é totalmente lamentable e supón o claro exemplo do castigo, maltrato e discriminación aos que nos someten nunha total irresponsabilidade coa seguridade viaria dos case 125.000 usuarios que cada día percorren os 317 quilómetros das vías estatais destas características que hai no noso territorio”, concluíu.
Comments