O PP pide ao Goberno de España a implantación real de Internet de alta velocidade en Deza
- ecosdacomarca

- hace 6 minutos
- 3 Min. de lectura
Revelan que en Agolada só un 20% da poboación ten acceso á rede en condicións, e en Dozón e Rodeiro quédanse nun 31% e un 45%, respectivamente
Ecos da Comarca/Deza
O Grupo Provincial do PP na Deputación de Pontevedra vaille reclamar ao Goberno de España a implantación real e urxente de Internet de alta velocidade, cun mínimo de 100 megabites, en todo o territorio, posto que 86.760 pontevedreses carecen desta conexión e, dentro desta situación, as comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes "son as que máis sofren esta discriminación con 14.412 veciños sen este servizo".

Os populares, que van a formalizar a súa solicitude ao Ministerio para la Transformación Digital y de la Función Pública a través dunha moción que se debaterá no pleno provincial do próximo venres 24, lamentaron as dificultades que esta carencia xera no funcionamento das empresas –incluíndo as explotacións agrogandeiras cada día máis informatizadas–, o teletraballo, o estudo, o funcionamento de moitos aparellos dos fogares, a teleasistencia e a telemedicina, a xeolocalización, as comunicacións familiares ou o lecer
“Internet é a gran infraestrutura do século XXI e marca a diferenza entre o desenvolvemento e o progreso ou quedarse atrás, é fundamental para o noso día a día, para ser eficientes no traballo e para mellorar a nosa calidade de vida, polo que é inadmisible que haxa tantas zonas de sombra, tantos lugares sen cobertura e tantos espazos sen conexión, polo que o Goberno de España ten que deixar de maltratar unha vez máis á nosa provincia e ten que cumprir canto antes, porque xa leva un retraso excesivo para que todos os cidadáns teñan acceso a un dereito como é disfrutar de Internet en condicións”, manifestou o deputado de Novas Tecnoloxías e alcalde de Portas, Ricardo Martínez.
O PP Provincial engadíu ademais que as comarcas rurais e do interior e os concellos de menor poboación “son os máis prexudicados, cunhas coberturas cativas e sendo sometidos a un castigo por parte do goberno socialista na implantación de Internet como se fosen cidadáns de segunda” e advertíu que, do mesmo xeito que co estado das estradas nacionais, “non imos consentir esta carencia e imos denunciala e facer as reclamacións políticas oportunas de xeito reiterado ata que se corrixa esta situación”.
PUBLICIDADE
Ricardo Martínez lembrou que que o Executivo central asumíu, a través do programa “Único”, o obxectivo da Unión Europea de alcanzar o pasado ano 2025 que o 100% da poboación tivese acceso a unha cobertura de 100 megabits, "pero é unha realidade que, na provincia de Pontevedra, está moi lonxe de cumprirse froito dos reiterados incumprimentos de prazos e das reticencias e resistencia do goberno de Pedro Sánchez a investir axeitadamente na nosa provincia".
En canto aos datos da cobertura das comarcas, os populares denunciaron a situación “patética” de Internet en Agolada, onde só o 20% da poboación, segundo os datos oficiais do ministerio, ten acceso á rede en condicións, mentres que en Dozón e Rodeiro quédanse nuns pírricos 31% e un 45%, respectivamente. En termos absolutos, a carencia do servizo afecta a 2.557 veciños de Lalín, 2.333 de Cerdedo Cotobade, 2.112 da Estrada, 1.766 de Silleda, 1.762 de Agolada, 1.216 de Rodeiro, 1.043 de Vila de Cruces, 969 de Forcarei e 654 de Dozón.
PUBLICIDADE
Complementariamente, a proposta do PP Provincial tamén inclúe a potenciación das infraestruturas de acceso á rede 5G, que permite unha conexión axeitada a Internet a través da telefonía móbil, posto que tamén se detectan certas eivas neste senso, con 24.474 pontevedreses sen poder acceder á mesma. No que se refire ás bisbarras, os principais problemas detéctanse en Forcarei, con só un 37% de cobertura, Cerdedo Cotobade cun 46% e Rodeiro cun 56%.








Comentarios