Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O poboado mineiro da parroquia cruceña de Fontao foi moi importante na época dourada do wolframio. "Unha historia que forma parte de Vila de Cruces e do seu turismo. Lamentablemente, o equipo de desgoberno municipal, parece que non pensa o mesmo e ten nun total abandono este lugar cheo de historia", asegura o PP local.
Ante isto, o grupo municipal popular de Vila de Cruces quere facer públicas "as queixas veciñais sobre o lamentable estado que presenta todo o poboado en xeral, onde a tónica predominante é a completa falta de mantemento", critica. "É unha auténtica pena que este emplazamento turístico estea a correr a mesma sorte que a área recreativa da Carixa en Merza así como outras contornas turísticas do municipio, e presenta un claro abandono de mantemento e conservación. Así, atopamos as Salas de Exposición do Museo dá Mineria inoperativas e sen actividades; as rúas e zonas verdes parecen prados para ensilar debido á falta de roza e mantemento; os bancos urbanos e as zonas de xogo infantís rotos, dobrados e invadidos pola vexetación non atendendo dende o Concello as chamadas e demandas de mantemento por parte dos veciños e veciñas; a rede de fibra óptica para ter unhas boas comunicacións segue no esquecemento do equipo de desgoberno quen prometeu dotar a este poboado deste servizo e aínda hoxe, despois de tres anos seguen esperando por algunha xestión o que provoca que nenos residentes teñan que desprazarse ata bibliotecas de concellos limítrofes para poder ter un bo acceso á internet. En definitiva, un auténtico descontrol e desinterese propios dun desgoberno preocupado por outras cousas, pero non por axudar á veciñanza", acusa.

E sinala que "esta situación pensamos, que ademais de ser moi negativa para os veciños e veciñas residentes neste poboado, tamén é moi negativa e nociva para todo o sector turístico municipal, pois como xa sinalamos, o Poboado Mineiro de Fontao ten unha gran historia detrás e moito que amosarlle aos numerosos visitantes que se podían achegar ata aquí".
Por todo isto, os populares demandan "que de forma inmediata e urxente dende o Concello procedan á limpeza das rúas e ás diversas reparacións necesarias no mobiliario urbano" ao tempo que solicitan que tamén de forma inmediata se proceda ás xestións necesarias para dotar de acceso á fibra óptica a todas as vivendas do poboado. Do mesmo xeito, piden que dende o Concello se interceda ante o Instituto de Vivenda e Solo para que se continue co adecentamento exterior dos pavillóns.
Comments