O PP de Vila de Cruces denuncia "o total abandono" que presenta a parroquia de Gres e varios viais
- ecosdacomarca
- 3 ago 2022
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
"Dende o Partido Popular de Vila de Cruces, atendendo ás queixas de numerosos veciños e veciñas, queremos denunciar a situación de total abandono que presenta a parroquia de Gres así como numerosas carreteras da súa contorna". O voceiro municipal, Jesús Otero, puido desplazarse e estar cos veciños e ver in situ "o completo abandono que presenta unha das zonas mais turísticas do municipio, pois ata Gres, chegan numerosos visitantes atraidos polas Illas de Gres e pola ampla oferta gastronómica que ofrecen os establecementos hosteleiros da zona".

Así mesmo, indican que no lugar da Capela, a escasos metros das Illas de Gres, "as beirarrúas están desfeitas e cheas de terra e maleza que fan casi imposible o tránsito polas mesmas. Recordamos ademais, que nesta zona, hai numerosos cativos e ata hai unha parada de transporte escolar, o que fai que a situación sexa especialmente perigosa".
Outro dos puntos en "estado crítico", segundo os populares "son as beirarrúas xunto a Casa – Museo da Fundación Xosé Neira Vilas, claramente olvidadas e sen mantemento, xunto a un ben cultural como representa unha das Fundacións de máis renome da cultura de Galicia". E insisten en que "a situación das Illas de Gres, xa denunciada en numerosas ocasións non é nova, co parque infantil público desfeito e representando un grave perigo para a integridade dos seus usuarios, usuarios que ante tal desastre xa se desprazan a outros lugares".
Continuando na parroquia de Gres, sinalan que "podemos encontrar numerosas estradas co firme de rodadura desfeito e sen mantemento algún, especialmente no lugar de Cirela así como no limítrofe lugar de Souto, pertencente xa á parroquia de Camanzo. Esta situación esténdese a outras parroquias e nesta fin de semana, o noso portavoz estaba xunto os veciños de Bascuas, quen amosaron o seu malestar contra o Concello polo mal estado de mantemento e conservación da estrada no lugar de Os Mestres, así como na que sae dende o lugar de Rigueira ata a grabeira de Vallo".
"Non atopamos palabras para tanto despropósito. O Concello está inmerso nun completo e total desgoberno no cal o equipo do señor alcalde, se dedica unicamente a gastar o diñeiro público de todos os veciños e veciñas en numerosos asesores colocados a dedo e que xa superan os 8.000 euros mensuais de gasto, ó tempo que se están incumplindo todas as normas de control de gasto e de participación da oposición, situación na que comparten culpa tanto o equipo de desgoberno como os outros dous grupos que cos seus votos posibilitan esta situación".
Ante todo isto, o PP solicita "que na maior brevidade o equipo de desgoberno decida poñerse a traballar e solucione a situación de abandono na que teñen a toda a veciñanza de Gres e da súa contorna".
Comments