O PP de Vila de Cruces denuncia "o abandono do tramo local da ruta da Fervenza do Toxa"
- ecosdacomarca

- hace 1 hora
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O convenio asinado esta mesma semana para continuar poñendo en valor a senda turística da Fervenza do Toxa "volveu deixar en evidencia a situación de abandono que sofre o tramo pertencente a Vila de Cruces. Mentres outros municipios avanzan na mellora da sinalización, da accesibilidade e da promoción turística, o concello cruceño continúa quedando atrás nun dos percorridos naturais máis importantes da comarca", sinala o PP cruceño.
PUBLICIDADE
Lembra que boa parte desta ruta discorre polo municipio, mais a diferenza entre os distintos tramos resulta máis que evidente. "No lado correspondente a Vila de Cruces repítense as imaxes de maleza, falta de limpeza, sinalización deficiente e ausencia de mantemento, ofrecendo unha imaxe moi afastada do potencial turístico" que, segundo denuncian desde o Partido Popular local, “o goberno municipal presume continuamente pero non traballa”.

E apunta que as fotografías tomadas durante o percorrido amosan "un contraste notable entre zonas coidadas e con sinalización actualizada e outras nas que os carteis permanecen practicamente cubertos polas silvas. Entre ambos espazos apenas hai uns metros e a pasarela que cruza o río Deza, mais a diferenza", aseguran os populares, vai moito máis alá da paisaxe.
Segundo critican, o que realmente separa ambos lados é “a planificación, o mantemento e a aposta pola promoción turística”. Consideran que Vila de Cruces leva anos "perdendo oportunidades por mor dun executivo sen proxecto e sen capacidade de xestión, mentres outros municipios traballan para atraer visitantes e dinamizar a economía local a través dos seus recursos naturais e patrimoniais".
PUBLICIDADE
Desde o Partido Popular de Vila de Cruces defenden que o turismo “non pode seguir sendo o gran esquecido do concello” e apostan por un cambio profundo na política turística municipal. Entre as medidas que propoñen para os próximos anos figuran a mellora e mantemento das rutas, a posta en valor do patrimonio natural e cultural, unha promoción turística continuada, a colaboración co tecido económico local e a creación dunha Oficina Municipal de Turismo con persoal técnico especializado.
Os populares sosteñen que o municipio conta cun enorme potencial turístico, pero consideran que falta “un goberno que crea nel e traballe de verdade polo futuro de Vila de Cruces”.








Comentarios