O PP de Vila de Cruces denuncia "o abandono da área recreativa de Toiriz"
- ecosdacomarca

- 10 jun
- 2 min de lectura
Ecos da Comarca/Vila de Cruces
O Partido Popular de Vila de Cruces quere denunciar publicamente "o estado de abandono no que se atopa actualmente a área recreativa de Toiriz, un dos espazos naturais máis importantes e con maior potencial turístico do noso concello nos Sobreirais do Arnego".
PUBLICIDADE
Sinala que nos últimos días, coincidindo coas altas temperaturas, foron moitos os veciños e visitantes que se achegaron ata esta zona buscando un lugar de descanso e lecer á beira do río, "atopándose cunha situación lamentable e impropia dun enclave destas características".
"O deterioro da área recreativa é evidente. Os accesos presentan un firme completamente erosionado, con abundantes pedras soltas e importantes desniveis que dificultan enormemente o paso, especialmente para persoas maiores, nenos ou persoas con mobilidade reducida. A isto súmase o mal estado dos valados de protección, moitos deles rotos e tirados no chan, así como o deterioro do mobiliario e da propia contorna natural".

Especialmente grave, apunta, "resulta o chanzo de aproximadamente 30 centímetros existente ao final da ponte de acceso á área recreativa, unha situación que provocou que moitas persoas, ao chegar ao lugar e comprobar o estado das instalacións e o perigo existente, optasen directamente por marchar sen poder desfrutar do entorno".
Desde o Partido Popular consideran "intolerable que un espazo natural de tanto valor permaneza abandonado durante a maior parte do ano e unicamente reciba atención cando se achega o mes de agosto. Non se pode presumir de Toiriz e dos Sobreirais do Arnego como reclamo turístico mentres a realidade que atopan veciños e visitantes é a dunha área recreativa insegura, deteriorada e sen mantemento".
PUBLICIDADE
A todo isto, subliña o PP, "hai que engadir que nin sequera existe un simple contedor de lixo na zona, polo que a limpeza do espazo depende exclusivamente do civismo e da responsabilidade das persoas visitantes, algo totalmente insuficiente nun lugar destas características e con tanta afluencia de xente durante o verán. Vila de Cruces merece uns espazos públicos dignos, seguros e ben conservados durante todo o ano. Por iso, esiximos ao goberno municipal unha actuación inmediata para acondicionar os accesos, reparar os elementos deteriorados, instalar servizos básicos como contedores de lixo e garantir un mantemento continuo desta área recreativa, evitando que o abandono siga
deteriorando un dos lugares máis emblemáticos do noso concello".








Comentarios