O PP de Rodeiro traslada aos deputados nacionais os problemas de Internet, telefonía e seguridade cidadá
- ecosdacomarca

- hace 13 horas
- 3 Min. de lectura
O PP local recibíu a Pedro Puy e Juan Bayón cos que mantivo un encontro, percorreu a feira e celebrou unha reunión cos veciños de Pedroso polas importantes eivas de cobertura
Ecos da Comarca/Rodeiro
O grupo municipal do PP de Rodeiro, encabezado pola voceira, Cati Somoza, celebrou este sábado unha longa xornada de traballo cos deputados nacionais Pedro Puy e Juan Bayón, aos que trasladou os graves problemas que padece o concello co acceso a Internet, o uso da telefonía fixa e móbil e os recurtes en materia de seguridade cidadá no cuartel da Garda Civil. O obxectivo deste contacto centrouse en explicarlles a realidade do municipio nestas materias para que esixan solucións no Congreso dos Deputados.

A visita dos parlamentarios pontevedreses incluíu un encontro na sede na que se lles entregou un informe con estas eivas dependentes do Goberno de España, unha visita ao exterior do cuartel da Benemérita, un percorrido pola feira mensual e unha reunión cos veciños de Pedroso, que padecen importantes eivas de cobertura que dificultan moito o seu día a día.
“Quero agradecerlles aos nosos deputados en Madrid que viñeran a Rodeiro a interesarse por cuestións fundamentais de novas tecnoloxías e seguridade cidadá que deberían estar máis que superadas e cubertas no ano 2026, pero sobre as que padecemos eivas e graves recurtes porque o Executivo de Pedro Sánchez literalmente pasa de Rodeiro e leva oito anos, non xa mellorando as cousas, senón metendo a tesoira e dándonos moito do que nos corresponde e merecemos. Por iso, a súa presenza é tan importante porque poderán darlle voz a Rodeiro no Congreso e esixirlle solucións inmediatas ao PSOE”, manifestou Cati Somoza.
PUBLICIDADE

O primeiro tema destas reunións centrouse nos fallos constantes da telefonía móbil e fixa e de Internet, que sufren avarías que se prolongan durante días, que acumulan catro incidencias de calado entre febreiro e marzo, sobre os que non se ofrece información e que xurden dun problema estrutural. "Como consecuencia disto, o concello rexistra problemas de funcionamento no centro médico, entidades bancarias, o consistorio, as empresas e negocios, explotacións agrogandeiras, os fogares e as atención das emerxencias, ao tempo que prexudica o estudo da mocidade", polo que Cati Somoza pediulle aos deputados que esixan solucións inmediatas e garantía para o servizo.
En segundo lugar, a voceira popular lamentou "a falta de avances reais na implantación da fibra óptica como garantía dun axeitado acceso a Internet, xa que revelou que as empresas adxudicatarias non cumpren os prazos ante a inacción do Goberno de España e que o retraso na súa chegada lastra o desenvolvemento de Rodeiro, polo que demandou a axilización das obras".
Publicidade
Finalmente, a concelleira do PP explicoulles aos deputados que o cuartel da Garda Civil atópase no seu mínimo de efectivos, con só tres axentes xa que dous están comisionados noutros destinos, mentres leva algúns anos cun recurte horario nos que a atención aos cidadáns pasou de ser de luns a venres a só martes e xoves nunha franxa de apenas cinco horas en quenda de mañá. “Queremos que se reforcen os medios persoais da Benemérita, posto que os actuais son insuficientes para atender á xente, garantir a seguridade, manter a tranquilidade do concello e dar resposta a situacións de vulnerabilidade nun territorio que ten a poboación bastante envellecida”, manifestou.
Tras esta xornada de traballo, Pedro Puy anunciou que darán voz a todas “estas xustas demandas do pobo de Rodeiro” e adiantou que van presentar de inmediato unha pregunta parlamentaria sobre os recurtes da Garda Civil, na que lle inquerirán ao Goberno de España sobre a situación actual do cuartel e as previsións para o reforzo de axentes e do restablecemento do horario de atención aos veciños. Así mesmo, tamén sinalou que van artellar outras iniciativas en Madrid para que se corrixan de inmediato os fallos constantes de telefonía e Internet e para que se cumpran os prazos de extensión da fibra óptica.







Comentarios