O PP de Rodeiro solicita a mellora integral de múltiples pistas municipais
- ecosdacomarca

- hace 9 horas
- 3 min de lectura
Ecos da Comarca/Rodeiro
O PP de Rodeiro levará ao vindeiro pleno municipal unha moción a través da cal solicita a mellora integral de múltiples pistas municipais que se atopan en mal estado de conservación.
O grupo municipal do PP de Rodeiro sinala que vén detectando, "ao longo dos máis de tres
anos de mandato, uns traballos totalmente insuficientes por parte do Concello para a conservación e mellora das pistas locais, o que está a provocar que decenas delas se atopen en moi malas condicións, que fan insoportable a circulación polas mesmas, e que na actualidade a rede viaria local estea no seu peor momento no século XXI".
En primeiro lugar, apuntan os populares, que "existen unha ducia de zonas moi afectadas por esta situación, xa que a mellora das súas vías estaba redactada, aprobada e
orzamentada polo anterior goberno do PP grazas a unha partida do remanente de 800.000 euros e foi paralizada polo bipartito. Loxicamente, se esta actuación era necesaria no ano 2023 polo estado do firme, na actualidade tornouse urxente, posto que ademais os dous últimos invernos foron bastante chuviosos co conseguinte deterioro da calzada".

En concreto, dos 21 lugares incluídos nese proxecto do anterior executivo, explican que quedaron sen mellora ata 12 deles, que son os casos dos núcleos dos Vilares (Guillar), Farán (Arnego), Castugares (Carboentes), Adelán (Guillar) e Carboentes, así como as pistas Vilameá-San Cristovo, "que teoricamente se vai reformar, con evidente retraso, cos fondos do Plan +Provincia 2025 da Deputación"; Saborín - cruce de Cantelle (Vilela); cruce de Cantelle - Bagarelas (Vilela); Vilela - Xabalde (San Salvador); e cruce de Melide - Xabalde (San Salvador), "na que o bipartito pretende tamén facer un pequeno treito, tamén
con fondos provincias, esquecendo o resto da pista".
Pero máis alá desta situación que considera o PP, "totalmente discriminatoria coa veciñanza destes lugares, a política viaria municipal nestes algo máis de tres anos de goberno PSOE-UxR caracterizouse polo absoluto abandono e uns investimentos totalmente insuficientes e cativos por unha mala xestión do goberno local, xa que a Deputación remitiulle ao Concello a contía máis elevada da súa historia, a Xunta tamén colaborou con Rodeiro nesta materia e a maiores, herdaron do anterior goberno do Partido Popular un remanente de 1,6 millóns".
Con motivo, salienta, "deste desleixo, o estado xeral dunha boa parte das pistas do concello é moi malo, aínda que existen nada máis e nada menos que 25 delas que precisan un arranxo urxente e unha renovación do firme, tal e como comprobaron os concelleiros do PP no propio terreo acudindo á chamada de decenas de veciños que se queixan das malas condicións do viario local".
PUBLICIDADE
En concreto, as vías municipais que, segundo o PP, precisan dunha actuación inmediata son as seguintes:
1.- A Torre (Guillar)-Pedroso
2.- O Mesón (Pedroso)-Alemparte
3.- Vilares-Arcas (Guillar)
4.- Cruce de Vilares-Outeiro (Guillar)
5.- San Cristovo-Villaravide (Az)
6.- Saa-Paredes (Pescoso)
7.- Pescoso-Agrochouso (San Salvador)
8.- Estrada EP-6206-Coreixas (A Portela)
9.- A Portela-Coreixas (A Portela)
10.- Suime (Pescoso)-Coreixas (A Portela)
11.- Vilameá (Camba)-Fafián
12.- A Ermida (Camba)-Outeiro (Fafián)
13.- Acceso a Lamazares (Camba)
14.- Fafián-Casanova-Río
15.- Vilaxuste (Santa Eulalia)-Trasulfe (Fafián)
16.- Estrada PO-533 Lalín-Monforte-Lamademena (Negrelos)
17.- Asperelo-Bardelás (Carboentes)
18.- Agrosagro (Carboentes)-Rañestras
19.- Carboentes-Mourigás-Toiriz (Arnego)
20.- Cuñarro-Padín (Arnego)
21.- Caxide (Asperelo)-Farán (Arnego)
22.- Caxide (Asperelo)-Baroncelle-Carboentes
23.- Couso-Pereira (Asperelo)
24.- Xabalde (San Salvador)-Bagarelas-Saborín (Vilela)
25.- As Santas (Vilela)-Espasante-Calque (Salto)
"E ademais destas pistas en pésimas e perigosas condicións para a circulación da veciñanza, desde o PP de Rodeiro queremos engadir que tamén existen graves problemas no firme en numerosos accesos a explotacións agrogandeiras, granxas e establos –fundamentais para o desenvolvemento económico do noso concello– e no interior de moitos núcleos rurais, para os que tamén demandamos unha solución urxente por parte do goberno dirixido por José Luis Camiñas".
PUBLICIDADE
Por todo isto, o grupo municipal do PP de Rodeiro propón a adopción, por parte do pleno da corporación municipal de Rodeiro, dos seguintes ACORDOS:
Que o Concello de Rodeiro complete a actuación deseñada, aprobada e orzamentada polo anterior goberno do PP con 800.000 euros de remanente e mellore as 12 pistas, accesos e núcleos que están paralizados desde hai tres anos.
Que o Concello de Rodeiro acometa a redacción de proxectos e a execución da mellora integral das 25 pistas municipais incluidas nesta moción no prazo máximo dun ano para corrixir o seu evidente estado de deterioro e permitir unha circulación axeitada e segura aos veciños.
Que o Concello de Rodeiro realice un plan de acondicionamento de accesos a explotacións agrogandeiras, granxas, establos e interior dos núcleos rurais.
Que o Concello de Rodeiro se comprometa a elaborar e executar un plan anual de mantemento e conservación das pistas municipais para evitar que nos vindeiros anos se repita a mala situación xeralizada da rede viaria municipal.








Comentarios