"Esta nefasta xestión está afectando a moitas empresas, moitas delas diríxense a nós para saber como poden cobrar estas facturas apalancadas, desesperadas por estes incumprimentos de pagos", denuncia
Ecos da Comarca/Rodeiro
"Dende UXR queremos denunciar a forma que ten o PP de Rodeiro de malgastar o presuposto do que dispón o Concello ademais de estar baleirando o remanente". O portavoz de UXR, Alberte Lamazares, quere advertir aos veciños dos problemas económicos que esta a xerar o PP. "O presuposto anual de 2022 que ascende a 3.100.00 euros, o máis grande da historia do Concello, non chegou para pagar os desmesurados gastos nos que o PP incorreu o ano pasado", asegura.
Proba disto, apunta, "é que no último pleno do mes de abril o equipo de goberno tivo que pagar 375.000 euros en facturas sen aboar do 2022. Estas facturas que supoñen máis dun 10% do presuposto anual tiveron que ser aboadas con base o remanente, despois de aprobarse o pago a provedores no pleno por parte de todos os partidos".
Despois de esta operación, sinala, "o remanente quedou reducido considerablemente, pasando de dispoñer 1.600.000 euros en 2022 a 1.225.000, en 2023, o seu nivel máis baixo en cinco anos. A mala xestión do PP non remata aquí, segundo o consello de contas somos dos Concellos de Galicia que máis tardamos en facer os pagos a provedores. O límite está en 30 días, pois ben, no çultimo pleno algunhas das facturas databan do mes de setembro de 2022, é dicir, máis de 200 días en facer os pagos".
E recalca que "esta nefasta xestión está afectando a moitas empresas, moitas delas diríxense a nós para saber como poden cobrar estas facturas apalancadas, desesperadas por estes incumprimentos de pagos. Porque no Concello de Rodeiro ós únicos que se lles paga en prazo son o equipo de goberno, que lle están a costar máis de 70.000 euros ás arcas municipais e cobran relixiosamente as súas nóminas. Estes soldos son infinitamente superiores a súa labor, porque mentres o presuposto non chega para o seu despilfarro, os veciños están fartos de ver como as estradas, as rúas o centro polivalente e un sen fin de cousas non se están a arranxar no Concello".
E por último, subliñan que "dende UXR comprometémonos a que cando cheguemos á Alcaldía as facturas abonaranse antes do límite máximo que marca a lei, 30 días".
Комментарии