O PP de Rodeiro esixe responsabilidades e explicacións "pola perda de 180.000 € para o SAF"
- ecosdacomarca

- hace 6 horas
- 2 min de lectura
Acusa ao bipartito "de non cursar a solicitude á Xunta"
Ecos da Comarca/Rodeiro
O grupo municipal do PP de Rodeiro vén de anunciar que vai esixir en pleno as correspondentes explicacións por parte do goberno de José Luis Camiñas e a depuración de responsabilidades políticas pola "perda de 179.359 euros para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) dos tres próximos anos despois de que o Concello non cursase a solicitude ante a Xunta de Galicia".

“308 dos 313 concellos galegos, é dicir practicamente todos, van ver incrementado o financiamento da Axuda no Fogar en máis dun 40% no presente 2026 e nos dous exercicios seguintes. Pero houbo cinco municipios que non fixeron os deberes, que non cumpriron coas súas mínimas obrigas e tristemente un deles é Rodeiro, que está comenzando a pagar moi caro a neglixencia do alcalde”, lamenta a voceira municipal, Cati Somoza.
A concelleira do PP indica que o goberno de José Luis Camiñas "leva os tres anos de mandato cunha política de abandono e recurtes no SAF e incluso amagando con deixar de prestalo alegando unha suposta falta de financiamento, o que xa demostra o seu nulo interese por atender aos nosos maiores e ás persoas máis vulnerables e necesitadas de Rodeiro”.
PUBLICIDADE
Pero engade que, "o máis grave do caso, é que cando a Xunta lle brinda unha oportunidade histórica de financiamento -pasando de 12 euros por hora ata os 18 que se alcanzarán en 2028- o goberno de Camiñas non foi quen de dedicar nin cinco minutos a presentar unha solicitude que traería 180.000 euros para reforzar e ampliar a atención e os coidados ás persoas maiores do noso concello. Un feito que só pode explicarse de dúas maneiras: ou por descoñecemento e falta de xestión, ou por unha preocupante falta de interese. En ambos casos, estamos ante unha mostra clara de irresponsabilidade na defensa dos intereses da veciñanza”.
"Máis da metade dos dependentes están sen SAF"
Cati Somoza exemplificou a gravidade da situación sinalando que, coa anterior achega autonómica, Rodeiro recibía 143.487 euros anuais polo SAF, que será a mesma cantidade que recibirá os próximos tres anos por non ter solicitado o incremento. "Dito aumento ofrecido pola Xunta suporía beneficiarse de 191.317 euros no presente exercicio, 203.274 en 2027 e ata 215.231 no ano 2028". “Acaban de deixar voar 180.000 euros simplemente por non dedicar cinco minutos a presentar un papeliño”, critica a concelleira popular.
PUBLICIDADE
Finalmente, a voceira do PP indica que esta circunstancia vai acarrexar “graves consecuencias e vai lastrar o servizo os próximos tres anos con prexuízos directos para as arcas municipais, que xa están moi tocadas tras despilfarrar case todo o remanente; para os usuarios, aos que se lle está prestando un servizo con menos horas das recoñecidas e poderían ver incrementadas esas horas, e aos dependentes, xa que o 56% dos recoñecidos en Rodeiro seguen en lista de agarda e vai ser moi difícil que poidan beneficiarse desta prestación a curto prazo sen estes cartos perdidos pola exclusiva irresponsabilidade do goberno de Camiñas".








Comentarios