top of page

O PP de Rodeiro esixe a mellora e reparación de infraestruturas e equipamentos no casco urbano

hace 11 minutos
3 min de lectura

Ecos da Comarca/Rodeiro

O PP de Rodeiro levará ao vindeiro pleno municipal unha moción a través da cal demanda a mellora e reparación de infraestruturas e equipamentos no casco urbano de Camba. "Ao longo dos últimos tres anos, a veciñanza de Rodeiro está a percibir un claro deterioro e degradación de numerosas infraestruturas, equipamentos, rúas e servizos no casco urbano froito, nalgúns casos, de falta de investimentos e abandono por parte do goberno local e, en moitos outros, dunha execución totalmente inadecuada e falta de control das obras polo goberno local, o que está a provocar que edificios ou instalacións públicas estean en peores condicións que antes de acometer a correspondente obra", recalcan os populares.


Deste xeito, apuntan que o Concello de Rodeiro "está a desaproveitar e despilfarrar os fondos públicos para a mellora dos equipamentos da nosa vila, que procederon, integramente, da Xunta de Galicia, como no caso do pavillón, ou da Deputación de Pontevedra, como sucedeu coa rúa B ou as pistas de pádel, entre outros".


Ante esta situación, apuntan, "que está a empeorar o seu uso e disfrute por parte dos veciños de Rodeiro, desde o PP queremos reclamar a posta en marcha dun plan de choque para todas estas instalacións, equipamentos e infraestruturas co obxectivo de que estean en perfectas condicións, xa que do contrario unicamente se estará afondando no esmorecemento dos servizos que debe prestar axeitadamente o Concello".

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para obter máis información do evento.
Preme na imaxe para obter máis información do evento.

Neste senso, destaca o estado do pavillón municipal, "ao que se cambiou a cuberta con 200.000 euros, gracias ao financiamento da Xunta, e no que leva tres invernos chovendo por dentro, motivando a suspensión da actividade e incluso lesións dos usuarios, por mor da irresponsabilidade do goberno á hora de acometer a obra, obrigando á empresa a facela de xeito exprés en apenas 15 días, cando o prazo de execución era de tres meses. Así, o polideportivo xa foi obxecto de tres actuacións, pero sen solucións efectivas, polo que cremos que se debe afrontar o seu arranxo definitivo", recalca o PP.


Ademais, engade que "outra chapuza do goberno local emprázase na rúa B, a do colexio, onde se acometeu unha humanización mal feita que provoca que haxa un badén de grandes dimensións polo movemento do formigón que é moi molesto para os usuarios e ademais a vía presentou fendas desde o primeiro momento. Nunha liña similar se atopa a rúa A, na que se colocaron lombos de burro para calmar o tráfico, pero que segue sen pintar os pasos de peóns e onde o pavimento xa está a desfacerse. En ambos casos, consideramos inadmisible o seu estado e queremos instar á súa reparación efectiva".


Outro exemplo, salienta, "da neglixente xestión do bipartito está nas pistas de pádel, nas

que, máis alá da fallida inauguración por UxR cunha grave discrepancia por parte do alcalde e do PSOE, as obras de instalación da cuberta seguen sen acometerse máis dun ano despois, mentres a instalación segue pechada e deteriorándose polas inclemencias do tempo. Así, queremos esixir a inmediata colocación do teito para que non lle pase outro inverno enriba".

Finalmente, desde o PP de Rodeiro tamén denuncian "o mal estado no que se atopa o parque do Río, xa que todas as súas pontes teñen táboas soltas, malia o baldío intento de arranxar estas infraestruturas cuns anacos de madeira, o que está a poñer en risco a seguridade dos usuarios. En definitiva, estamos a detectar como gran parte das instalacións do casco urbano están a empeorar e a deteriorarse, ben por abandono ben pola habitual ineficaz execución das obras, polo que cremos que, tras máis de tres anos de deterioro, chegou o momento de poñerlle remedio de xeito urxente".


Por todo isto, o grupo municipal do PP de Rodeiro propón a adopción, por parte do pleno da corporación municipal de Rodeiro, dos seguintes ACORDOS:

  • Que o Concello de Rodeiro realice unha inspección para comprobar o estado da cuberta do pavillón municipal e acometa con urxencia as obras de reparación necesarias para subsanar as súas deficiencias co obxectivo de evitar os problemas de uso dos tres anos anteriores.

  • Que o Concello de Rodeiro proceda á subsanación de deficiencias e fendas na rúa A e, na recén remodelada, rúa B da localidade.

 PUBLICIDADE

Preme na imaxe para contactar connosco.
Preme na imaxe para contactar connosco.
  • Que o Concello de Rodeiro acometa de xeito urxente, antes da chegada do inverno, a instalación da cuberta nas pistas de pádel para evitar o deterioro do recinto e permitir o seu uso aos veciños.

  • Que o Concello de Rodeiro realice obras de reparación nas pontes e demais infraestruturas no parque do Río para facilitar o seu disfrute e garantir a seguridade dos usuarios.

Comentarios


IRS.gif
Copia de ¡TU Anuncio!.gif
Ecos_da_Comarca_neg.png

© 2026 por Ecos da Comarca.

¡Grazas por contactar connosco!

  • Facebook
  • Instagram
  • TikTok
  • X
  • Youtube
bottom of page