O PP de Melide reclama unha restauración da orde e da limpeza nos espazos públicos do centro da vila
Ecos da Comarca/Melide
O PP de Melide demanda unha restauración do orde e da limpeza nos espazos públicos do centro da vila. Aseguran que "veñen de detectar suficientes deficiencias para esixir que se subsanen coa debida dilixencia por aqueles que cobran do tesouro público para facelo, xa que unha semana despois de ter finalizado o período de festas nos que se xunta un gran volumen de xente na vila os parques seguen inutilizables, os nenos e nenas melidenses non poden desfrutar da última semana de vacacións facendo deporte porque o parque do multiusos non ten instaladas as canastas e porterías e tampouco os aparellos de ximnasia estática de adultos".

Recalcan que as festas remataron hai máis dunha semana. "Quen parece que seguen de vacacións son o alcalde e o seu socio necesario que menos adicarse a Melide adicanse a todo tipo de cousas”.
Dende esta formación reclaman "que de inmediato se garantan as medidas de seguridade e salubridade nos parques públicos, se instale de novo o mobiliario e por suposto, se limpen os espazos municipais como é debido".
Solares urbanos
Ao respecto dos solares urbanos que mostran "unha imaxe de maleza", o PP insta ao bipartito Pérez-Prado a que asuma "dunha vez as súas competencias e deixe de culpar aos demais: quen goberna é aquel que debe tomar as decisións, nós cando nos tocou así o fixemos, non se pode pretender levar un concello adiante escorrendo diariamente o vulto, é unha imaxe de cobardía tremenda”, sinala a portavoz dos populares melidenses, Dalia García.








Comentarios