O PP de Melide reclama un “trato fiscal xusto” para os usuarios das escolas deportivas e culturais
Acusa ao goberno local "de levar un retraso acumulado de máis de seis meses sen pasar ao cobro os recibos"
Ecos da Comarca/Melide
O PP de Melide advírte "do desorde na xestión económica do Concello do bipartito AM-PSOE que leva un retraso acumulado de máis de seis meses sen pasar ao cobro os recibos das Escolas Deportivas e Culturais do Concello de Melide" e reclama "un trato fiscal xusto".

Dalia García, portavoz dos populares de Melide, reitera que “non é a primeira vez que advertimos da delicada situación na que quedan as familias cando se producen este tipo de deixadeces por parte do goberno bipartito local; implica pouca seriedade e rigor na xestión pública ao rematar un curso e comezar outro ciclo de actividades e non ter finiquitado o anterior; Pérez e Prado non cumpren coa ordenanza e poñen nunha situación económica moi delicada aos usuarios e usuarias das escolas deportivas e culturais, máxime nun ano onde a situación económica nacional está sendo especialmente complicada”, sinala a portavoz dos populares melidenses.
Dende a formación conservadora recordan "que xa non é a primeira vez que o PP pon o foco sobre esta situación toda vez que recibiu varias queixas e preguntas de veciños e veciñas preocupados pola situación. A tres meses contables de rematar o ano terían que devengarse os recibos das Escolas de dous cursos o que supoñería un duro golpe á economía familiar, cuestión que non ten en conta un goberno que sempre estivo máis preocupado por subir os gastos de persoal e os impostos que aumentar os servizos públicos”, sentencian dende a formación popular.








Comentarios