O PP de Melide pide a convocatoria urxente da Xunta Local de Seguridade ante o aumento da delincuencia
- ecosdacomarca
- 28 jun
- 2 Min. de lectura
Ecos da Comarca/Melide
O Grupo Municipal do Partido Popular de Melide vén de presentar unha moción para o seu debate no próximo pleno, na que solicita a convocatoria urxente da Xunta Local de Seguridade Cidadá, "ante a preocupante situación de inseguridade que vive o municipio".

Sinalan os populares que "nos últimos meses, os veciños e veciñas de Melide están a sufrir un incremento notable de roubos, actos vandálicos e ameazas en espazos públicos, xerando unha clara sensación de desprotección e malestar social. Esta realidade vese agravada pola drástica redución do número de axentes da Policía Local, que pasou de nove a só tres dende o inicio do mandato, o que impide unha resposta adecuada ás necesidades reais da poboación".
Publicidade
“O que está a ocorrer en Melide é grave. Os nosos veciños quéixanse de ameazas, hai zonas onde xa non se sente seguridade, e o goberno local permanece inmóbil”, denuncian dende o PP de Melide. “É momento de actuar con responsabilidade e coordinar todos os recursos dispoñibles entre administracións e forzas de seguridade”, engaden.
Na moción presentada, os populares solicitan que a reunión da Xunta Local de Seguridade inclúa á Subdelegación do Goberno, Garda Civil, Policía Local, Servizos Sociais, representantes políticos e outras entidades que poidan contribuír a mellorar a seguridade cidadá.
Publicidade
Tamén propoñen que na orde do día se analice a situación actual do municipio, se identifiquen os puntos críticos, se debata a necesidade de reforzar os cadros de persoal e se inste ao Goberno central a incrementar os efectivos da Garda Civil en Melide, xa que o destacamento actual “atópase en mínimos operativos”.
Desde o PP subliñan que “a seguridade da veciñanza debe ser unha prioridade e que non se pode seguir mirando cara outro lado mentres a cidadanía perde a confianza nas institucións".
Kommentare