Critica que lle denegara a autorización a unha asociación para realizar unha andaina
Laura Moure/Melide
O PP de Melide lamenta que a actuación "incoherente do bipartito municipal atropele" a labor das asociacións melidenses. “Xa hai meses que vimos denunciando que o bipartito melidense, lonxe de cooperar con espazos públicos gratuítos municipais como se viña facendo no anterior mandato, negálle toda posibilidade de utilización aos colectivos tendo estes que buscar alternativas na iniciativa privada” apunta a portavoz popular melidense, Dalia García. O seu grupo sinala ademais que a gota que colmou o vaso "da falta de sensibilidade co tecido asociativo" foi a actitude do bipartito AM-PSOE cunha asociación melidense ao non autorizar unha andaina que cumpría con todas e cada unha das medidas de seguridade, cuestión da que se veñen de facer eco as redes socias nos últimos días.
“Resulta incomprensible que onde hai competencias directas locais o goberno bipartito
local non actúe ou incluso a inacción sexa a súa marca característica, hai exemplos de
abondo deste tipo, pero si o faga, e de maneira negativa fronte a actividades culturais
que cumpren coas medidas anti-covid” recalcan os populares melidenses.
"En vez de proporcionar medios materiais e humanos para que a actividade se
desenvolva de forma segura, optase pola non autorización", inciden. Dende a formación
conservadora non sorprende "este modus operandi porque é o mesmo que se utilizou co
mercado de produtos de proximidade ou incluso co mercado de téxtil, calzado e útiles
varios ao pechar durante semanas sen ter informes sanitarios nin técnicos que avalasen
esta situación".
Este goberno, reitera García, "móvese por intereses partidistas e non polo interese xeral.
Non autorizar unha andaina protocolarizada, cunha participación importante de grupos
de convivintes, organizada de tal maneira que nunca se procedese á aglomeración de
máis de seis persoas non convivintes ao aire libre, resulta canto menos incomprensible
cando todos os concellos con niveis de restriccións baixos están impulsando iniciativas
saudables deste tipo".
Así as cousas, os populares melidenses animan a todo o tecido asociativo a seguir
impulsando actividades, dentro dun marco de seguranza, "a pesar dos claros atrancos e
a falta de visión de pobo que posúe o bipartito municipal".
A resposta do goberno
Pola súa banda, o equipo de goberno explica que actividade que solicitou dita asociación "non está sometida a ningunha autorización deste Concello". Especifica que a normativa autonómica para loitar contra a Covid-19 "establece para este Concello que a práctica da actividade física e deportiva non federada, ao aire libre, poderá realizarse de forma individual ou colectiva, sen contacto físico e coa utilización da máscara. No caso da práctica de forma colectiva, o máximo será de seis persoas de forma simultánea, sexan ou convivintes, sen contar, no seu caso, o monitor". Polo tanto, recalca que "dita normativa autonómica será a que deben cumprir no caso de realizar a andaina sendo calquera incumprimeto de responsabilidade exclusiva dos seus organizadores e participantes e alleo por completo a este Concello".

A localidade melidense
Autor: Ecos da Comarca
コメント